Xunta e USC alíanse para impulsar o plan de formación do sector turístico

Xunta e USC alíanse para impulsar o plan de formación do sector turístico
Xunta e USC alíanse para impulsar o plan de formación do sector turístico

A Xunta de Galicia, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), e a Universidade de Santiago (USC) alíanse para impulsar un Plan de formación do sector turístico que comezará nas vindeiras semanas co curso de Xestión de Empresas de Restauración para avanzar na profesionalización e a mellora da competitividade deste tipo de negocios na antesala do Xacobeo 2021. 

O obxectivo do curso é proporcionar ferramentas prácticas de xestión para dirixir un establecemento de restauración coa finalidade de incrementar a calidade dos servizos prestados a turistas e cidadáns. Ademais, mellorará as destrezas dos profesionais á hora de acadar unha maior rendibilidade dos seus negocios, optimizando os recursos materiais e humanos de cada establecemento.

Esta iniciativa formativa, organizada pola Xunta en colaboración coa USC, estará impartida por profesores do CSHG e da propia Universidade de Santiago e, en virtude desta colaboración, os alumnos que o superen terán dereito a un título oficial expedido polo Goberno galego e a institución compostelá recoñecido con cinco créditos ECTS.

O curso contará cunha formación semipresencial de 50 horas –cun 80% da formación desenvolvida no CSHG– repartidas en cinco xornadas nos meses de abril e maio. Estará formado por cinco módulos: xestión e administración de recursos en restauración, análise de carta e menús e xestión de alimentos e bebidas, xestión de optimización dos recursos humanos, ferramentas TIC para a xestión do restaurante e novos modelos de restauración.

Presentación de solicitudes

O prazo de inscrición comeza este xoves 27 de febreiro e permanecerá aberto ata o 26 de marzo. Os interesados poderán presentar a súa solicitude desde as webs de Turismo de Galicia e da Universidade de Santiago. Desde o CSHG poñeranse en contacto cos seleccionados e a formación desenvolverase entre o 13 de abril e o 25 de maio.

O curso forma parte do Plan de formación do sector turístico promovido pola Xunta, no que están previstas outras accións en materia de idiomas, accesibilidade, atención a urxencias sanitarias, protección de datos ou comunicación en situacións de crise, entre outros.

Comentarios
Lo más