Máis de 800 alumnos/as de cinco institutos participan no "Teatro-Foro"

Máis de 800 alumnos/as de cinco institutos participan no "Teatro-Foro"
Máis de 800 alumnos/as de cinco institutos participan no "Teatro-Foro"

Ao longo deste curso escolar, a Concellaría de Mocidade está a impulsar unha nova edición do proxecto Teatro-Foro, para a educación en valores en diversos centros educativos da cidade. Os detalles da iniciativa, na que participan 196 creadores/as e 620 espectactores e espectactricesde cinco institutos da cidade, foron presentados en rolda de prensa pola concelleira de Mocidade, Noa Díaz, e polo organizador, Ramón Molina, de Arelar Xestión Socioeducativa. 

O teatro-foro é unha técnica teatral que xorde do Teatro do Oprimido creado polo dramaturgo brasileiro Augusto Boal. Con este formato, este proxecto pretende abordar diversas problemáticas que afectan ao alumnado, e que son de grande interese dende unha perspectiva pedagóxica, tanto para o alumnado como para o profesorado.

Tal como explicou a concelleira, o teatro convértese nun instrumento canalizador para procurar solucións a diversas situacións que poden acontecer no seo da comunidade educativa, vencelladas a temáticas tan diversas como a violencia de xénero, acoso escolar e ciberbullying, prevención de drogodependencias, machismo ou o racismo. Este ano, apuntou Ramón Molina, sumouse un tema tan de actualidade como as adiccións ao xogo, sobre as que traballará un grupo de 3º de ESO do IES Xelmírez I.

Ao longo deste curso, os IES de Sar, Xelmírez I, Xelmírez II, Pontepedriña e Rosalía de Castro participan do proxecto creando nove pezas teatrais, que son representadas dentro de cada centro a outro alumnado, que á súa vez tamén participa desta metodoloxía.

Nove pezas transformadoras
Ramón Molina destacou a "versatilidade" deste formato e o "grao de empoderamento" que para o alumnado supón a participación en todo o proceso de creación da peza, a través de 16 horas de traballo e en base ás súas experiencias. Tamén se referiu ao seu carácter "transformador", tanto no proceso creativo como para o público espectactor, que tamén se implica en afrontar as diferentes problemáticas formuladas nas representacións. Ademais, indicou o organizador da actividades, nesta edición, o alumnado que non participou actuando, elaborará unha parte didáctica de peche de cada temática.

Nesta edición do Teatro-Foroparticipa alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º de ESO e de FP Básica. En cifras, un total de 196 alumnos e alumnas participan na creación das diferentes pezas de teatro-foro, e 620 alumnos e alumnas participarán como espectactores ou espectactrices nas diferentes representacións. 
Comentarios
Lo más