Bota a andar o proxecto ELBA

Bota a andar o proxecto ELBA
Bota a andar o proxecto ELBA

Coa participación de institucións de Europa e Asia Central e coordinado pola USC, o seu obxectivo será mellorar a capacitación e formación de investigadores europeos e asiáticos no ámbito da análise de grandes cantidades de datos

Distintas institucións de Europa e Asia central participan no proxecto ELBA (Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia), un consorcio internacional que coordinará a USC nos vindeiros tres anos. O seu obxectivo será mellorar a capacitación e formación de investigadores europeos e asiáticos no ámbito da análise de grandes cantidades de datos.

O novo proxecto arrinca oficialmente este xoves 27 coa reunión de lanzamento do proxecto na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC (ETSE). A súa vixencia estenderase ata finais de 2022 e disporá dunha dotación orzamentaria próxima ao millón de euros (994.968€). Este será un consorcio liderado polo investigador David E. Losada, que conta coa participación dos tamén investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) Paula López e Tomás Fernández Pena e a Oficina de Relacións Exteriores da USC (ORE). Ao equipo da Universidade de Santiago uniranse máis de 50 investigadores da área, repartidos entre distintas institucións de Europa e Asia central.

O obxectivo do proxecto ELBA é profundar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras que contribúan a mellorar o campo do Big Data Analytics, un paradigma de Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. Considerados estes con frecuencia como ‘o petróleo do futuro’, ELBA nace para dar resposta á escaseza de profesionais cualificados para abordar a súa xestión, particularmente en certas zonas do planeta.

Comentarios
Lo más