Piden a Bugallo que aclare a situación da Escola Municipal de Música

Piden a Bugallo que aclare a situación da Escola Municipal de Música
Piden a Bugallo que aclare a situación da Escola Municipal de Música

O concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, preguntará no vindeiro Pleno ordinario ao Goberno local distintas cuestións sobre a actual situación da Escola Municipal de Música inmersa nun procedemento administrativo de licitación do servizo desde 2018 e sen contrato desde novembro de 2017. 

Para a Popular, o Goberno de Sánchez Bugallo ten que deixar claro se é posible desistir do procedemento de licitación  e se é posible que o Concello incumpra tanto a resolución do TACGAL como a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A concelleira Popular, xunto co seu Grupo, tamén considera imprescindible coñecer se o Goberno de Sánchez Bugallo ten debidamente xustificado no expediente as razóns de interese público que permitirían desistir do proceso de licitación.

María Antón lembra que, no mes de marzo de 2018, o anterior Goberno municipal abriu o procedemento de contratación do servizo de “Dirección pedagóxica, docencia e organización das actividades da Escola Municipal de Música”, ao que se presentou unha única oferta da empresa “Esproade, S.L.”, que foi excluída por estimar deficiente a achega de documentación nun dos apartados do prego de licitación. Este foi o motivo aducido para decidir a exclusión da empresa e, consecuentemente, declarar deserta a licitación.

Ante esta decisión, a devandita empresa recorreu a súa exclusión, acción esta que foi estimada  polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) cuxa resolución instaba ao goberno de Compostela Aberta a continuar coa tramitación da licitación.

Pero o Goberno de Compostela Aberta, lonxe de acatar a resolución do TACGAL, abriu un expediente de declaración de lesividade para o interese público dos pregos que el mesmo aprobara, iniciando a vía xudicial de “autodemanda” e suspendendo cautelarmente o expediente de licitación.

Coa chegada ao Goberno de Sánchez Bugallo mantívose activo o procedemento durante varios meses e, a maiores, en setembro de 2019, o goberno municipal recibe a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirma a resolución do TACGAL, isto é que o Concello debe continuar coa licitación, máis o goberno do Sr. Bugallo fai caso omiso da sentenza recibida,  ata que, no pasado mes de decembro, se acordou o desestimento do procedemento de licitación iniciado e nunha recente Xunta de Goberno local, do pasado 10 de febreiro, acordouse o desestimento do recurso de lesividade presentado polo anterior Goberno contra os pregos da licitación.

Esta situación provoca que o servizo na Escola Municipal de Música estea prestándose, como moitos outros contratos, en absoluto precario, desde novembro de 2017 o que xera unha situación de inseguridade tanto para a comunidade educativa como para a propia empresa que ten manifestado o seu desinterese, como proba que non se presentara á licitación.

Comentarios
Lo más