"Artellando feminismo" concentra máis de quince accións ao redor do 8M

"Artellando feminismo" concentra máis de quince accións ao redor do 8M
"Artellando feminismo" concentra máis de quince accións ao redor do 8M

O epicentro de toda a programación verase reflectida nas rúas o día 8 de marzo, cando a sociedade civil e os colectivos e asociacións saian á rúa na manifestación do Día da Muller Traballadora.

O Concello de Santiago organizou diversos eventos con carácter feminista e centrados nas mulleres para celebralos ao longo de todo marzo e así conmemorar un mes no que as mulleres serán as protagonistas con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, o próximo día 8.

Este xoves a concelleira de Igualdade, Noa Díaz, resaltou o papel que xoga o feminismo na sociedade actual xa que, só desde este principio e movemento social poderase "conseguir a igualdade", afirmou na presentación do programa de actividades do Concello con motivo do 8M.

Baixo o lema 'Artellando o feminismo', o Goberno local prepara un taller de co-educación para a rapazada máis pequena, concertos de artistas involucradas neste movemento social, recitais de poesía, o 'Festival de Cinema Feito por Mulleres' (Mufest), conferencias e outras actividades destinadas á concienciación da sociedade de maneira transversal.

A xuízo da concelleira de Igualdade, tanto as institucións públicas como a sociedade debe "esforzarse" máis para chegar a alcanzar a igualdade real entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida. Por este motivo, desde o Goberno local non queren quedar na xornada de reivindicación do 8M, senón extrapolarlo a todo o mes de marzo e varios actos ao longo de abril.

PROGRAMACIÓN

As conferencias de marzo serán impartidas por diversos profesionais de distintos ámbitos e versarán sobre o acceso das mulleres á vida pública; os malestares de xénero e as consecuencias na saúde das mulleres; a forma de desaprender a construír estereotipos de xénero; sexualidade feminina; e un sobre micromachismos e novas masculinidades.

Todas estas charlas están destinadas a toda a cidadanía, tanto homes como mulleres poderán escoitar aos distintos expertos e atender ás experiencias que as protagonistas queiran compartir.

En concreto, si que haberá un taller sobre co-educación para as crianzas de entre 4 e 11 anos. Celebrarase o 14 de marzo no centro sociocultural de Fontiñas. Alí, a través de xogos os nenos e nenas aprenderán a traballar a deconstrucción de estereotipos de xénero e as novas masculinidades. En función da idade diferenciaranse os grupos e as actividades e para asistir será necesaria a inscrición previa en www.artellandofeminismo.gal.

No ámbito musical destacan as actuacións da artista brasileira e activista feminista Bia Ferreira e o evento de poesía cantada, 'Elas Falan', protagonizado por Eva Veiga. Ademais, o Mufest celebrarase ao longo de todo o mes.

O 9 de marzo coñecerase a gañadora do premio Xohana Torres 2019, un galardón que premia aqueles traballos que teñen o obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún campo --tanto na actualidade como no pasado-- na vida da comunidade santiaguesa.

PROSTITUCIÓN E PROXENETISMO

Xa en abril, Noa Díaz e o seu equipo decidiron centrar a reivindicación feminista na prostitución. A concelleira explicou que os actos sobre explotación sexual deixaranse para abril xa que "é unha problemática que afecta fundamentalmente as mulleres, pero tamén a algúns homes".

O día nove proxectarase no Auditorio Abanca o documental de Mabel Lozano 'O Proxeneta', trátase dun filme que aborda "unha das violencias machistas máis extremas" como é a prostitución e no que un exproxeneta relata a súa historia e as súas confesións.

Na mesma liña, o mércores 29 a activista Amelia Tiganus impartirá unha charla ás 19,30 horas no instituto Rosalía de Castro sobre a prostitución e a trata de mulleres e nenas para este fin.

8M

O epicentro de toda esta programación verase reflectida nas rúas o día 8 de marzo, cando a sociedade civil e os colectivos e asociacións saian á rúa na manifestación do Día da Muller Traballadora. Neste sentido, o Concello confirmou que se sumará á protesta e a todos os actos que se celebren ese día facilitando os medios e recursos dos que dispoñen, como carpas.

Noa Díaz destacou, ademais, a importancia da educación e a actuación desde todas as institucións para concienciar e crecer nos principios de igualdade que o feminismo ten por bandeira. 

Comentarios
Lo más