Ana Senn trae o piano do século XX ao Paraninfo da Universidade

Ana Senn trae o piano do século XX ao Paraninfo da Universidade
Ana Senn trae o piano do século XX ao Paraninfo da Universidade

O concerto terá lugar este venres 28 ás 20.30 horas  

A pianista Ana Senn ofrece este venres 28, a partir das 20.30 horas, no Paraninfo da Universidade, o concerto titulado ‘O piano do século XX’. As obras recollidas neste recital son anteriores aos anos vinte do século pasado, a principios do cal conviven en Europa diferentes estéticas artísticas tales como o  impresionismo, neoclasicismo, nacionalismos ou expresionismo. “Esta época resulta ser moi rica no plano pianístico, xa que, fuxindo da hiperbolización romántica, ábrense novas vías de expresión ata agora nunca explotadas”, apunta a pianista.

Os recursos empregados abordan a busca de novas sonoridades e escrituras, dando lugar a unha variedade que se estende desde os aspectos máis arcaicos e primitivos ata a maior das sutilezas. “É o momento da recreación dunha música popular non idealizada, da inclusión do mundo das máquinas na música, así como da sinxeleza ou a abstracción”, destaca Ana Senn.  

A artista ten interpretado en escenarios de diversos países, desde España a Portugal, Eslovenia ou Alemaña. Realizou os seus estudos musicais entre as cidades de Oporto, Vigo, onde finaliza con Premio Extraordinario Fin de Grao Superior, e Madrid. Na súa formación resultaron imprescindibles as ensinanzas de pianistas como Severino Ortiz, Anna Fedorova, Daniel del Pino, Vladimira Smausova ou András Kemenes, entre outros.  Actualmente, é profesora de música de cámara no Conservatorio Profesional de Zaragoza, e continúa a súa formación pianística con Mariana Gurkova. A entrada ao recital é libre ata completar aforo. Senn interpretará pezas de Prokófiev, Bartók, Mompou e Ravel. 

Comentarios
Lo más