Adif non contempla "ningún risco" que comprometa a chegada do AVE en 2021

Adif non contempla "ningún risco" que comprometa a chegada do AVE en 2021
Adif non contempla "ningún risco" que comprometa a chegada do AVE en 2021

O tramo da Liña de Alta Velocidade entre Zamora-Pedralba estará en funcionamento para trens de viaxeiros en xuño de 2020.

Adif Alta Velocidade non contempla, "neste momento, ningún risco nin actuación" que poida comprometer "o prazo fixado de xuño de 2021" para a chegada do AVE a Galicia.

Así o manifestou este xoves o director xeral da empresa, Juan Pablo Villanueva, durante a supervisión dos traballos de montaxe de vía do tramo Pedralba da Padrería-Ourense. Para cumprir co obxectivo, Villanueva incidiu en que se está traballando "intensamente" seguindo un plan "moi ambicioso".

Co fin de "amortecer" o "pequeno atraso" na finalización das obras, "está a optimizarse a execución da montaxe da vía coordinando conxuntamente os traballos con todas as técnicas" entre todas as direccións de obra e contratistas.

O cronograma inicial prevía a finalización das obras do AVE a Ourense en decembro de 2019, pero finalmente os prazos irán a xuño de 2020. A este respecto, Juan Pablo Villanueva valorou que "non lle parece representativo" un atraso de 6 meses nunha "infraestrutura desta índole e complexidade e cun investimento de 4.600 millóns de euros".

Así mesmo, este mes de marzo comezarán secuencialmente as probas no tramo Pedralba-Taboadela para "acreditar que a vía é segura". Neste sentido, mostrado "optimista" porque a tecnoloxía que se está empregando nesta liña é "exactamente a mesma" que se empregou desde Olmedo-Zamora e Zamora-Pedralbes e nestes tramos os resultados que se están obtendo son "moi satisfactorios" e os prazos "moi reducidos".

Segundo os datos que manexa Adif AV, a mediados de marzo estará tendida toda a vía dereita entre Pedralba e Taboadela (101 km) e, en xuño, tamén a esquerda. O tramo Pedralba-Ourense é único en España pola súa alta concentración de vía en placa (sobre formigón, en lugar de sobre o tradicional balasto), un 72% do total do tramo.

A continuación, producirase a adaptación do trazado existente entre Taboadela e a cidade de Ourense (16 km). Por outra banda, a posta en servizo para trens de viaxeiros do tramo entre Zamora e Pedralba está prevista para xuño de 2020 e "acurtará en 50 minutos a duración do traxecto a Madrid".

"ULTIMANDO" A VARIANTE EXTERIOR

Juan Pablo Villanueva tamén explicou que o proxecto de variante exterior de Ourense "vai en paralelo" á execución destas obras e que "os proxectos se están redactando e ultimando" e unha vez finalizados se sacará a licitación.

Respecto da estación intermodal, o Director Xeral de Adif dixo ser coñecedor da controversia e de que "hai xente que quere unha solución distinta á que está acordada entre as tres administracións" pero que "Adif segue traballando no acordado". 
Comentarios
Lo más