Aumento de efectivos na Policía Local, o 8M e melloras no complexo deportivo de Sar, algúns dos acordos do Pleno

Aumento de efectivos na Policía Local, o 8M e melloras no complexo deportivo de Sar, algúns dos acordos do Pleno
Aumento de efectivos na Policía Local, o 8M e melloras no complexo deportivo de Sar, algúns dos acordos do Pleno

O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de febreiro, aprobou unha moción conxunta presentada por PSdeG-PSOE, Compostela Aberta e BNG con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. A sesión abriuse unha vez máis cun minuto de silencio polas últimas vítimas da violencia machista.

A moción incide no apoio da Corporación ás mobilizacións e reivindicacións do movemento feminista galego. Tamén se reafirma o compromiso do Concello de Santiago no impulso das políticas de igualdade e na realización de programacións específicas con motivo do 8M, e ínstase aos gobernos de Galicia e do Estado a dar resposta ás demandas en materias como a igualdade salarial, a conciliación ou a loita contra a violencia de xénero.

A proposta conxunta recibiu os votos favorables dos tres grupos propoñentes e a abstención do PP, grupo que presentou outra moción relativa a este tema. Neste caso, a moción recibiu o voto a favor do propoñente e a abstención dos outros tres grupos. 

Modificación puntual do PXOM
En materia de urbanismo, o Pleno aprobou definitivamente e por unanimidade a modificación puntual do PXOM nas disposicións transitorias 2ª e 12ª, en relación ao Plan Parcial de Fontiñas e PERIS de Concheiros, Vieiro e Outeiro. Este cambio incide fundamentalmente nun incremento da superficie edificable residencial

Consello de Participación e Transparencia
Cos votos favorables de PP, CA e BNG e a abstención do PSdeG-PSOE foi aprobada unha proposición do grupo municipal do BNG para crear o Consello de Participación e Transparencia. Dous dos puntos da proposición foron ratificados por unanimidade.

Incremento de efectivos para a Policía Local
Tamén se deu o visto bo a unha proposición o Partido Popular para o incremento de efectivos no corpo da Policía Local. Tamén votou a favor o PSdeG-PSOE e abstivéronse Compostela Aberta e BNG.

Axenda do Estado para o Xacobeo
O PP tamén logrou sacar adiante unha proposición para instar ao Goberno do Estado a determinar unha achega ao Concello e establecer unha axenda para o Xacobeo. Votou a favor o grupo propoñente e abstivéronse o resto de grupos municipais.

Complexo deportivo en Sar
O capítulo de proposicións pechouse cunha presentada por Compostela Aberta e aprobada por unanimidade comprometendo ao Goberno local a impulsar un complexo deportivo ao aire libre no barrio de Sar, na contorna das súas Brañas.

Servizo de Axuda no Fogar
Nesta sesión tamén compareceu a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, para falar do Servizo de Axuda no Fogar. Lembrou que no novo orzamento, a partida para este servizo incrementarase en máis dun millón de euros, pasando dos 1,9 aos 3 millóns de euros anuais.

En relación a este tema do interviñeron na sesión plenaria Dolores Dopazo, unha usuaria do Servizo, e Milagros Rozados, en representación do comité de empresa de Eulen.

Mocións
No capítulo de mocións, aprobouse por unanimidade unha de Compostela Aberta que insta a desenvolver unha planificación estratéxica das actividades artísticas de rúa para preparar e despregar o seu correcto desenvolvemento nas prazas, de forma consensuada co colectivo de artistas de rúa. En relación a esta cuestión falou no Pleno Antón Coucheiro, de CircoNove.

Outra moción ratificada foi a presentada polo BNG, ratificada tamén cos votos do PP e de CA, e coa abstención do PSdeG-PSOE, na que se acorda que o Goberno local realice "unha actuación de reforma integral para a reurbanización da zona da avenida de Salamanca, da avenida de Coímbra, da rúa de Oviedo e da rúa Ultreia, co fin de gañar accesibilidade, pavimentar a rede viaria, ordenar o tráfico e, en definitiva, recuperar os espazos públicos para a veciñanza". 

Comentarios
Lo más