O luns aprobaránse os orzamentos nun pleno extraordinario

O luns aprobaránse os orzamentos nun pleno extraordinario
O luns aprobaránse os orzamentos nun pleno extraordinario

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valorou a importancia de aprobar inicialmente os orzamentos municipais, tal como esta previsto que suceda no pleno extraordinario convocado para este luns ás 10:30 horas. "Isto permitiranos sacar adiante, a través do procedemento anticipado de gastos, compromisos importantes para o Concello", dixo.

Entre eses compromisos que se poderán licitar destaco o do Servizo de Axuda do Fogar. En palabras do rexedor, "o cambio fundamental é que o custo por hora pasará dos 16 a algo máis de 18 euros, e que se aumentará a cantidade de persoas atendidas". Isto fai que o orzamento deste servizo pase dos 1,9 aos 3 millóns de euros.

Un expediente anticipado de gasto tamén permitirá sacar a licitación a obra da rúa de Concheiros, "co obxectivo de que antes do verán estea comezada a obra e poida acabar –aínda que disto non estou tan seguro- ao mesmo tempo que as obras de todo o nó", apuntou Sánchez Bugallo. Puxo como horizonte a Semana Santa de 2021, "pero canto máis se demore a licitación máis difícil será de conseguilo".

En referencia aos novos contratos dos servizos de transporte público, alumeado ou limpeza, o alcalde espera que "ao longo deste primeiro semestre todos estes contratos saian a licitación e antes de final de ano se estean prestando os servizos de acordo aos novos contratos".

Xuntanzas en Madrid
O alcalde tamén deu conta das xuntanzas que manterá este xoves en Madrid en tres ministerios, aos que acudirá acompañado do concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo e delegado do Ano Santo 2021, Sindo Guinarte, e da concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Sánchez Bugallo manterá encontros cos ministros de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, e de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e tamén manterá outra xuntanza no Ministerio de Facenda.

Recursos humanos
Preguntado na rolda de prensa pola dotación de Policía Local e Bombeiros do Concello, o alcalde reiterou que "afrontaremos o 2021 cunha gran precariedade de recursos humanos". Non obstante, no caso da Policía Local, confía en que se poidan alcanzar entre os 145 e os 150 efectivos para o ano 2021, en base a novas incorporacións e, sobre todo, a concursos de traslados, o que "nos deixará nunha situación insuficiente, pero menos mala que a actual"

"Hoxe temos un 30% menos de policías locais que hai 10 anos, cando chegamos a ter 176. De aínda "máis preocupante e delicada" cualificou a situación dos Bombeiros, cuxos efectivos pasaron dos 66 de entón aos 38 da actualidade.

Comentarios