Un Punto Limpo móbil estará este sábado na praza do Concello en Bertamiráns

Un Punto Limpo móbil estará este sábado na praza do Concello en Bertamiráns
Un Punto Limpo móbil estará este sábado na praza do Concello en Bertamiráns

Un Punto Limpo móbil estará dispoñible para toda a veciñanza que desexe desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O camión do Punto Limpo estacionará na praza do Concello, en Bertamiráns. O horario de atención ao público será de 16.00 a 20.00 horas. Este servizo é prestado pola empresa Urbaser, que se encarga da xestión do servizo de limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames. 

O Concello de Ames, en colaboración coa empresa Urbaser, pon en marcha un novo servizo para sensibilizar e facilitar a reciclaxe e o depósito de voluminosos e outros residuos no Punto Limpo. Deste xeito, este sábado, 29 de febreiro, pola tarde, en horario de 16.00 a 20.00 horas, un Punto Limpo móbil estará na praza do Concello, en Bertamiráns.

O Punto Limpo móbil funciona como un punto limpo convencional, contando con diversos compartimentos no seu interior para facilitar a selección de residuos. É un lugar de aporte voluntario e gratuíto de residuos, onde os cidadáns do concello de Ames, e non as empresas, poden depositar aqueles residuos que pola súa natureza non se depositan nos contedores que habitualmente atopamos na vía pública.

Os residuos que se poden entregar neste Punto Limpo son: pilas, fluorescentes, aerosois, aceite de cociña, aceite de motor, baterías, radiografías, televisores, ordenadores, botes de pintura, envases contaminados con sustancias perigosas e aveños domésticos, como por exemplo colchóns, mobles ou sofás.

O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, aproveita para darlle as grazas ao Concello de Santiago xa que o camión do Punto Limpo móbil é propiedade de dito municipio e cédello este sábado ao Concello de Ames para comprobar como funciona o servizo de cara a implantalo en Ames no futuro.

Ademais, Blas García lembra que “o goberno municipal vai comezar en breve coa elaboración do prego do servizo de limpeza viaria, no cal tamén está incluído o servizo de Punto Limpo. Deste xeito, vaise intentar mellorar o servizo do Punto Limpo do Milladoiro e vaise incluír na licitación do novo contrato a posta en marcha dun Punto Limpo móbil, que se poida desprazar ás parroquias do rural, así como a outros puntos do municipio como pode ser o núcleo urbano de Bertamiráns, urbanizacións, etc. co obxectivo de facilitarlle á veciñanza a recollida dos residuos que non se depositan nos colectores convencionais”. 

Comentarios