Ángel Luis Quintana e Damián Arenas forman a músicos galegos

Ángel Luis Quintana e Damián Arenas forman a músicos galegos
Ángel Luis Quintana e Damián Arenas forman a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. Este xoves contará ca presencia do violoncellista canario Ángel Luis Quintana  e do recoñecido contrabaixista catalán Damián Arenas

As clases do primeiro celebraranse o xoves 12 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde. As do contrabaixista serán o xoves 12 de marzo, de 10:00 a 12:00 e de 16:00 a 21:00 horas

Profesor no Conservatorio de Rótterdam

Ángel Luis Quintana naceu en Las Palmas de Gran Canaria, onde comezou os seus estudos musicais. Continuou a súa formación en Madrid, na Escuela Superior de Música Reina Sofía. Formouse con mestres do talle do músico ruso Mstislav Rostropóvich, considerado o mellor violoncellista da súa xeración.

Conta con numerosos galardóns para o seu instrumento. Foi solista da Orquesta de RTVE e da Orquesta de Cámara Reina Sofía, profesor do Conservatorio de Guadalajara e profesor asistente na Escuela Reina Sofía. Na actualidade é solista da Orquesta Nacional de España, profesor do Conservatorio Superior de Música do Liceo de Barcelona e profesor convidado do Conservatorio de Rótterdam. Dende 2013 é profesor do Curso Universitario Internacional de Música Española “Música en Compostela”.

Participa con regularidade nos máis prestixiosos ciclos de música de cámara e colabora como solista con algunhas das orquestras e agrupacións máis relevantes. Toca un violoncello J. Guadagnini “Il Soldato“ do ano 1800, cedido pola Fundación Columbus. 

Solista da Orquestra UNESCO Barcelona 
Damián Arenas naceu en Barcelona no ano 1967. Estudou contrabaixo no Conservatorio Superior de Música de Barcelona, onde obtivo dous Premios de Honra e Matrícula fin de carreira. Con posterioridade realiza estudos de alta especialización na Escuela de Música Reina Sofía de Madrid, recibindo o diploma de "alumno máis destacado da Cátedra". Entre 1996 e 1999 foi contrabaixo solista na Orquesta Sinfónica de Castilla y León.

Foi catedrático de Contrabaixo no Conservatorio Superior de Música de Salamanca durante tres cursos académicos. Habitualmente imparte cursos e clases maxistrais en conservatorios, escolas de música e festivais de todo o territorio nacional. Tamén é convidado para preparar a sección de contrabaixos da Joven Orquesta de la Comunidad de Madrid. Na actualidade é solista da Orquestra UNESCO Barcelona e membro da Orquesta Sinfónica de RTVE dende 1999. E dende 2008 forma parte do equipo de profesores da Escuela de Música Creativa de Madrid. 

Comentarios