Brión acorda coa veciñanza acondicionar un novo camiño en Cornanda que substitúa o que foi fendido por un raio

Brión acorda coa veciñanza acondicionar un novo camiño en Cornanda que substitúa o que foi fendido por un raio
Brión acorda coa veciñanza acondicionar un novo camiño en Cornanda que substitúa o que foi fendido por un raio

José Luís García explica que “o temporal do pasado mes de xaneiro deixounos danos por máis de 100.000 euros”

O Concello de Brión vén de acordar coa veciñanza acondicionar un novo camiño en Cornanda que substitúa ao que rodeaba o campo de fútbol desa parroquia e que foi fendido por un raio durante os fortes temporais do pasado mes de xaneiro. “Un temporal que deixounos danos por máis de 100.000 euros en todo o concello pero, especialmente, na parroquia de Cornanda, onde levou media estrada de acceso a Vilariño dos Cunqueiros e ese raio que fendeu o camiño causou un desprendemento de terra que fai que teñamos que dar por perdido os vestiarios do campo de fútbol”, explica o  alcalde de Brión, José Luís García.

Tras o temporal, o Concello de Brión centrouse en reabrir a estrada de acceso á aldea de Vilariño dos Cunqueiros, onde as fortes choivas causaron un corremento de terra que levou por diante media estrada. Para asegurar a zona, construíuse xa un muro de contención que asegura tanto a estabilidade da estrada que dá acceso á aldea da Graña como evita novos desprendementos sobre o viario de acceso ao lugar de Vilariño dos Cunqueiros.

Agora, os traballos do Concello de Brión centraranse no arranxo dun camiño paralelo ao que bordea o campo de fútbol de Cornanda. Un camiño que está cortado dende que a caída dun raio provocase unha fenda de máis de dous metros de longo por máis dun metro de profundidade e a caída de parte do camiño sobre os edificio de vestiarios, que adoitaba ser utilizado pola veciñanza para as súas reunións.

García explica que “constatamos que polo desprendemento acontecido non poderemos salvar ese inmoble, polo que procederemos a asegurar a zona e habilitar un camiño paralelo para utilización da veciñanza”. Un camiño que adoita ser empregado por maquinaria pesada das explotacións próximas, especialmente como alternativa ao camiño principal en días de xeada. 

Comentarios
Lo más