Santiago converterase esta fin de semana no centro da minaría da península ibérica

Santiago converterase esta fin de semana no centro da minaría da península ibérica
Santiago converterase esta fin de semana no centro da minaría da península ibérica

Entre este xoves día 5 de marzo e o domingo 8 terá lugar no Centro Comercial Área Central, en Santiago, a 6ª Feira de Minerais, a cal acolle unhas 15.000 persoas cada ano e contará con charlas de especialistas, talleres e unha feira comercial. 

Diso informaron este martes, durante a súa presentación, a concelleira de Mocidade de Santiago, Noa Díaz, a xerente de Área Central, Sara Castedo, e o organizador da mostra, Alejandro Rodríguez. A feira terá entrada gratuíta e abrirá todos os días desde as 10,00 ás 21,00 horas.

A concelleira destacou o carácter pedagóxico da feira, que estará aberta aos centros escolares da cidade. De feito, Sara Castedo indicou que acollerán a máis de 1.000 mozos de 18 centros para as distintas actividades.

O organizador da mostra sinalou que esta edición contará con 30 expositores de "todos os puntos" de España e Portugal, con fósiles, minerais e xemas de distintos lugares do mundo.

Alejandro Rodríguez explicou tamén que realizarán catro talleres da man do enxeñeiro de minas, Íñigo Orea, e de profesores da Universidade de Salamanca, da Escola de Minas e Enerxía de Vigo e do grupo UDCiencia da Universidade da Coruña. Estas actividades serán sobre identificación de minerais, bateo de ouro, gemología e fósiles.

Ademais, o xoves ás 10,15 horas e 19,00 horas terá lugar a charla impartida polo exmisioneiro que estivo 17 anos en Serra Leona, Chema Caballero, na cal falará dos minerais en zona de conflito.

O venres ás mesmas horas exporá o fotógrafo e xornalista, Kike Gómez, a charla baixo o título 'A destrución do ecosistema do Delta do Níxer'. 

Comentarios