350 estudantes de toda Galicia reúnense en Medicina para coñecer os últimos avances sobre células nai

350 estudantes de toda Galicia reúnense en Medicina para coñecer os últimos avances sobre células nai
350 estudantes de toda Galicia reúnense en Medicina para coñecer os últimos avances sobre células nai

A inauguración desenvólvese a partir das 9.00 horas e estará presidida polo vicerreitor de Investigación e Innovación Vicente Pérez Muñuzuri

O Grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da enfermidade de Parkinson da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS), dirixido polo catedrático José Luis Labandeira, organiza este venres 6 de marzo na Facultade de Medicina a xornada Unistem Day 2020. Trátase do maior evento internacional de divulgación sobre células nai e terapia celular, promovido pola Università degli Studi di Milano, que pretende acercar a ciencia aos máis novos e espertar o seu interese pola investigación.

O acto inaugural da xornada botará andar a partir das 9.00 horas e estará presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación Vicente Pérez Muñuzuri. Xunto a el, tomarán parte o propio Labandeira e Julian Álvarez Escudero, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía.

Nesta edición prevese que uns 30.000 estudantes de tres continentes participen en actividades e visitas a laboratorios en 101 universidades e centros de investigación de Italia, España, Alemaña, Australia, Suecia, Portugal, Colombia, Francia, Austria, Polonia, Grecia, Holanda e Hungría. En España, ademais da USC, participan outras sete universidades e centros de investigación da ‘Red de Terapia Celular’, coordinados desde a Universidade de Barcelona.

A Facultade de Medicina de Santiago acollerá a máis de 350 alumnos e profesores dos IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I, IES Xelmírez II de Santiago, do IES García Barros de A Estrada e do IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín. Ademais, o evento incluirá charlas de docentes e investigadores da USC que falarán sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular. 

Comentarios