Conmemoración do Día da Muller nos Luns do Ateneo

Conmemoración do Día da Muller nos Luns do Ateneo
Conmemoración do Día da Muller nos Luns do Ateneo

Este luns, ás 20.00h na Rúa do Vilar, 19, terá lugar unha mesa redonda para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller

O acto, que leva por título «Universitarias, científicas e emprendedoras», reúne a varias mulleres destacadas da Universidade de Santiago como son Mabel Loza, Catedrática de Farmacoloxía; Carme Pampín, Doutora en Química Orgánica; e Eva López Barrio, Coordinadora do Programa Woman Emprende; así como a Vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, quen exercerá de moderadora.

Esta mesa redonda xirará arredor da reivindicación da igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade. Para iso, ao longo da charla farase fincapé nos papeis que teñen as mulleres na USC como científicas, emprendedoras e investigadoras, dándolle voz a un grupo de catedráticas e doutoras nesta institución.

A Vicerreitora Mar Lorenzo é doutora en Filosofía e Ciencias da Educación, coordina o Programa de Doutoramento en Educación da USC e forma parte do grupo de investigación ESCULCA, da Rede RIES e da Rede de Excelencia Universidade, Innovación e Aprendizaxe na Sociedade do Coñecemento. A Catedrática Mabel Loza coordina o grupo BioFarma, promoveu a fundación de tres compañías, é patroa fundadora e codirectora científica da Fundación Kærtor e gañou o Premio María Wonenburger da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Pola súa banda, a Doutora Carme Pampín é co-fundadora e Directora Executiva de Galchimia S.A. así como Presidenta de BIOGA - Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida e do Hub de Innovación Dixital, DATALIFE. Por último, Eva López Barrio coordina o Proxecto  Innovatia 8.3 do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e é Titora das Axudas  Emega da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Comentarios