O alcalde, satisfeito co compromiso do Goberno español co Ano Santo e cos Camiños de Santiago

O alcalde, satisfeito co compromiso do Goberno español co Ano Santo e cos Camiños de Santiago
O alcalde, satisfeito co compromiso do Goberno español co Ano Santo e cos Camiños de Santiago

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, expresou a súa "satisfacción" por "ver que o Goberno central comprende e comparte o compromiso co Ano Santo 2021 e cos Camiños de Santiago. Así o indicou nunha rolda de prensa na que valorou as reunións mantidas este xoves coa ministra de Industria, Reyes Maroto; coa titular de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes; e coa subsecretaria de Facenda, María del Pilar Paneque. "Estou francamente satisfeito das xestións desenvolvidas e da receptividade atopada", insistiu.

Sánchez Bugallo destacou o "compromiso e interese" do ministro de Cultura en convocar o Real Padroado de Santiago neste mesmo 2020. A data está pendente de axustar as axendas de Casa Real, Moncloa e Xunta de Galicia. En calquera caso, o rexedor destacou unha data preferida por el, o 24 de xullo, xa que nesa data data se inauguran os Xogos Olímpicos de Tokio e é probable a presenza do Rei Felipe VI neste evento.

Reiterou a transcendencia da reunión do Real Padroado, no que se marcará un programa de actuacións para o período 2021-2032. "Garantirá moitas actuacións para Santiago nos próximos 12 anos e garantirá a viabilidade do Consorcio por ese período", indicou.

O titular de Cultura –dixo- tamén manifestou a súa intención de convocar en vindeiras datas o Consello Xacobeo, do que forman parte Galicia e outras 10 comunidades autónomas. O alcalde, que ofreceu Santiago como lugar para a celebración desta xuntanza, aproveitou para recordar o papel importante que xogan os Camiños de Santiago na estratexia do Estado para a chamada "España baleirada".

Promoción turística
En materia de promoción turística, Sánchez Bugallo tamén se felicitou polo compromiso da ministra de Industria, que "puxo á nosa disposición as 33 oficinas internacionais de Turespaña". A propósito deste ofrecemento, explicou, "só procuraremos a presenza estable naquelas que consideremos necesarias e prioritarias", pero en todas elas haberá material promocional, e Santiago participará en campañas publicitarias e outras accións promocionais.

Achegas para a Compostela do futuro
Respecto á xuntanza mantida coa subsecretaria de Facenda, valorou o compromiso para que na Lei de Orzamentos de 2020 se recupere a disposición adicional que previa unha achega extraordinaria para o Ano Santo a través do Consorcio de Santiago. Destacou que esta aportación é tamén "unha forma de reforzar o protagonismo deste organismo interadministrativo".

Apuntou o rexedor que ao Goberno central se lle presentou "a proposta do que consideramos necesario para garantir un extraordinario Ano Santo, pero que tamén permitirá que a cidade quede cunhas infraestruturas e equipamentos que nos serán moi útiles para o futuro". Neste sentido, lembrou infraestruturas acometidas con motivo doutros Xacobeos que seguen agora en funcionamento na cidade.

Intermodal, orbital e orbitaliño
Seguindo co Goberno central, Sánchez Bugallo agarda recibir pronto a visita en Santiago do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, do que agarda "recibir algunha noticia sobre a intermodal". A propósito desta, lembrou que o luns comezarán as obras da rúa de Clara Campoamor, que inicialmente non implican cortes na circulación.

Anunciou que en próximos días comparecerán os concelleiros de Mobilidade e de Obras para detallar o plan de tráfico previsto para esta obra, que ten un prazo de execución de cinco meses. Sobre a posibilidade de cortar totalmente o tráfico nesta vía, Sánchez Bugallo indicou que "a prioridade é cumprir cos prazos e ter a obra lista o 1 de agosto". Este é o prazo tamén previsto para a estación de autobuses e para a pasarela de conexión coa intermodal, se ben expresou as súas dúbidas sobre o cumprimento do prazo nesta última.

Tamén en relación a Fomento, explicou que houbo 28 ofertas para executar a obra do orbital e que a intención do Ministerio "é realizar a adxudicación provisional en torno ao 17 de marzo e que as obras poidan empezar a primeiros do verán". Sobre o orbitaliño, indicou, "a previsión é que o proxecto saia a información pública esta primavera, aprobar o proxecto e sacar a licitación a obra este ano", coa intención de que "as obras do orbital e do orbitaliño poidan concluír ao mesmo tempo".

Orzamentos importantes para a cidade
Na súa rolda de prensa de repaso semanal tamén se referiu á aprobación inicial dos orzamentos municipais para 2020 o pasado luns. Reiterou que "non está plenamente satisfeito", porque "sempre hai cousas que non teñen encaixe orzamentario", pero indicou que esta aprobación inicial "é un paso importante para que poidan saír adiante temas importantes para a cidade", licitando obras e servizos que "se poderán por en marcha". Ademais, indicou que confía en levar ao pleno ordinario de abril a proposta de investimentos financeiramente sostibles, con cargo aos remanentes do exercicio anterior.

Un dos temas que se abordou no debate plenario sobre os orzamentos foi o do investimento no rural. O alcalde cifrouno en 2,8 millóns de euros, e "aí non se inclúe nin o transporte colectivo, onde as liñas do rural son máis deficitarias que as urbanas, nin servizos como o da recollida do lixo, cunha parte do rural que non paga o servizo". Esta cantidade, explicou, "supón o 20% do investimento municipal, unha proporción un pouco superior ao peso demográfico". Neste sentido, anunciou que "por primeira vez, o contrato do transporte público incluirá o rural" e que "o custe das liñas do rural vai superar con moito o seu peso demográfico".

Lembrou que "Santiago ten 16.000 veciños/as no rural, pero só o 2% se dedican á actividade agropecuaria", polo que, dixo, a maioría desta poboación demanda "máis servizos urbanos que rurais". Apuntou a predisposición municipal a abordar máis adiante algunhas iniciativas en materia de saneamento e abastecemento, pero "dependerá de ter proxecto e de ter a dispoñibilidade dos terreos".

Estas cuestións fóronlle explicadas a Federación de Asociacións Veciñais do Rural (Ferusa) o mesmo luns, e o alcalde prevé manter unha xuntanza coas asociacións do rural na primeira quincena de marzo ou na primeira de abril.

Rehabilitación de edificios

Finalmente, o alcalde referiuse á concesión da licenza para a actuación arquitectónica no antigo edificio de Olmedo na praza do Toural. Indicou que a licenza "está amparada polo Plan Especial da Cidade Histórica e conta co informe favorable da Comisión Asesora do Casco Histórico". Sobre a marca comercial, dixo, "corresponderalle ao promotor a decisión", e "o que é intolerable é estado de decrepitude e abandono do edificio". "O que quero é ver o edifico rehabilitado e cheo de vida, cumprindo por suposto a normativa urbanística", insistiu. En termos semellantes pronunciouse a propósito da rehabilitación da chamada Casa dos Irlandeses. 

Comentarios