O Club Atletismo Brión fai a súa presentación en sociedade con máis de 50 socios e media ducia de nenos e nenas

O Club Atletismo Brión fai a súa presentación en sociedade con máis de 50 socios e media ducia de nenos e nenas
O Club Atletismo Brión fai a súa presentación en sociedade con máis de 50 socios e media ducia de nenos e nenas

“Isto vai medrar cada día máis”, adianta o presidente do club, José Antonio Vidal González

A sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión quedou pequena para acoller na noite do venres a presentación oficial do Club Atletismo Brión – Hyupersa Santiago. Un acto que estivo presidido pola concelleira de Deportes de Brión, Sandy Cebral, e o presidente do club, José Antonio Vidal González, quen estiveron acompañados por Xabier Rico, asesor da Secretaría Xeral para o Deporte; e Iván Sanmartín, delegado da Federación Galega de Atletismo. Un acto ao que tamén asistiron o alcalde de Brión, José Luís García, e gran parte da corporación municipal, ata sumar preto dun cento de persoas.

Sandy Cebral agradeceu o convite do Club Atletismo Brión e ofreceu a colaboración do Concello de Brión: “tivestes o apoio total do Concello dende o primeiro momento, como acontece con todos os deportes, e en todo o que poidamos axudar aí estaremos”. Colaboración que tamén ofreceu Xabier Rico dende a Secretaría Xeral para o Deporte, convidando ao club a participar o ano que vén no programa Xogade pois “hai que apostar polo deporte de base, falar cos colexios para que os nenos e nenas teñan unha oferta de deporte san”.

Un punto no que coincidiu Iván Sanmartín, para quen “os nenos son o futuro do equipo e sempre unen”. Un desafío que recolleu o presidente do Club Atletismo Brión – Hyupersa Santiago, quen explicou que este equipo “é sobre todo uns amigos que decidimos formar isto. Puxéronme de presidente pero calquera deles podería ter sido o presidente”. José Antonio Vidal agradeceu o apoio do Concello de Brión e a todos os colaboradores do club, empezando co patrocinador principal, Hyupersa Santiago, e seguindo por todos os patrocinadores: Be One Brión, Federópticos, Adrián García Abogados, Gasolineira Los Ángeles Gas, Fisio Macía e Oxypro.

“Temos campións galegos como Brais Otero, Dani Paz, Miguel Penedo... Un grupiño de xente nova. E isto vai medrar cada día máis, ata que non deamos máis”, adiantou José Antonio Vidal González.

Breve historia

O Club Atletismo Brión – Hyupersa Santiago constituíuse oficialmente o pasado 5 de novembro de 2019 no mesmo lugar que hoxe acolleu a súa presentación oficial: a Casa de Cultura de Brión. En decembro conseguiron o apoio de Hyundai Hyupersa Santiago como patrocinador principal durante as 3 vindeiras campañas e nese mesmo mes comezaron a competir na carreira popular de Touro, onde Dani Paz conseguía o primeiro podio na historia do Club ao rematar na terceira posición da xeral.

Dende entón, non deixaron de competir. Se ben comezaron en branco, sen ningún premio na Sin-Son 10k de Porto do Son, pronto cambiaría o panorama cun pleno na Carreira do Turrón de Negreira, conseguindo o primeiro, segundo e terceiro postos por Julio Mallo Nieto, José Antonio Vidal González e Efrén Vieites Capelo. Así mesmo, remataron 2019 cun cuarto posto na San Silvestre de Padrón.

E 2020 é xa un sumatorio de triunfos para o club: terceiro posto para Dani Paz na Carreira Solidaria de Vedra e vitoria para a rapaza Ana Vidal na categoría benxamín; terceiro posto por clubs na Carreira Popular de Pontecesures, onde Miguel Penedo e Julio Mallo remataron tamén 1º e 2º na categoría Máster A; terceiro posto por equipos na X Carreira do Cocido de Lalín, con dous novos podios para Juan Jesús Barral (1º Master B) e Ana Vidal (3º benxamín); 5º clasificado por equipos na Padrón 10K; e vitorias para Carla Iglesias (Sub 10) e Ana Vidal (Sub 12) na V Carreira do Entroido de Trazo. 

Comentarios
Lo más