Salgueiriños como posible sede do Parque Comarcal de Bombeiros

Salgueiriños como posible sede do Parque Comarcal de Bombeiros
Salgueiriños como posible sede do Parque Comarcal de Bombeiros

O Pazo de Raxoi acolleu unha reunión na que participaron o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Santiago, Gonzalo Muíños; os alcaldes de Ames, José Manuel Miñones; de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; de Brión, José Luis García; de Teo, Rafael Sisto; de Vedra, Carlos Martínez Carrillo; así como outros representantes dos muncipios de Val do Dubra e Ames. Na axenda, un único punto: a comarcalización do Parque de Bombeiros. O Goberno local aposta porque o futuro parque comarcal se localice en Compostela.

No encontro acordouse estudar dúas vías: retomar a comarcalización no punto en que quedara en 2018; ou que esa comarcalización se realice a través do Consorcio Provincial. O Concello compostelá aposta pola segunda opción. Así, argumenta o concelleiro Gonzalo Muíños que xa existe unha infraestrutura, a de Salgueiriños, "que se vai estudar se reúne as condicións" para acoller este Parque Comarcal de Bombeiros. E incluso, engade, en caso negativo, o Concello dispón doutras parcelas, entre elas a da Pulleira, nas que se podería ubicar. A partir de aí, estableceríanse as necesidades de material, recursos humanos, etc., e estudaríase o custe que representaría.

De momento, os alcaldes e concelleiros presentes na reunión comprometéronse a realizar estudos de distintas parcelas ofrecidas polos concellos de Santiago, Ames, Brión e Teo, que poderían albergar o futuro Parque Comarcal de Bombeiros. Está previsto que dentro de tres meses se convoque unha nova xuntanza para analizar os avances rexistrados. 

Comentarios
Lo más