Santiago, de momento, sen multas

Santiago, de momento, sen multas
Santiago, de momento, sen multas

Na roda de prensa posterior a Xunta de Goberno así o explicou o alcalde

Sánchez Bugallo explicou que de momento non se multou a ningún cidadán: "déronse avisos a establecementos que non pecharon no horario e estase facendo un seguimento de determinados tipos de comercios. Estamos pendentes de todo, pero de momento non se formulou denuncia algunha porque non se considerou necesario facelo. O cal non quita que, se hai desobediencia, pois loxicamente se tramitarán esas denuncias. Pero de momento non nos atopamos con esa situación", engadiu.

Sobre o peche dos parques e xardíns da cidade, estase facendo un seguimento por parte do concello. O alcalde non descarta pechar o conxunto de parques públicos, despois de que o pasado sábado se acordase pechar os parques infantís. É unha decisión que sinalou, aínda non está tomada, pero "á luz de como vaian discurrindo as cousas, non descartamos que se poida adoptar no momento en que se considere oportuno".

Sobre o control de aforo nos autobuses, Sánchez Bugallo, explicou que son supervisados polos condutores. Sinalou que "na supervisión que se está efectuando por parte do Concello, obsérvase un estricto cumprimento da normativa". Engadiu que hai un descenso significativo do número de usuarios e que o nivel de ocupación dos autobuses é, de momento, mínimo, quedando lonxe do tercio autorizado.

A preguntas dos xornalistas sobre se se mantén o pagamento da ORA, o alcalde respondeu que de momento o único cambio adoptado é a supresión da rotación. "En todo caso", engadiu, "na reunión do xoves valoraremos a posibilidade de suprimir o servizo de grúa é ORA" .

Comentarios
Lo más