O Concello lembra que a atención a través de voluntarios está garantida con Protección Civil e Cruz Vermella

O Concello lembra que a atención a través de voluntarios está garantida con Protección Civil e Cruz Vermella
O Concello lembra que a atención a través de voluntarios está garantida con Protección Civil e Cruz Vermella

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, agradece as numerosas mostras de solidariedade da veciñanza compostelá, pero lembra que a mellor forma de axudar e adoptando as medidas de autoprotección establecidas polas autoridades sanitarias e, polo tanto, permanecendo na casa.

A edila de Servizos Sociais fai un chamamento á prudencia: "estamos ante unha grave alerta sanitaria na que se nos indica que, como primeira medida para evitar o contaxio e a propagación do virus, permanezamos nas nosas casas. Polo que, determinadas iniciativas, feitas coa mellor vontade, poden derivar en problemas importantes".

O Concello está a traballar con dous equipos de voluntarios: Cruz Vermella e Protección Civil, con ampla formación e información sobre o traballo a realizar e con experiencia en como se deben facer este tipo de intervencións, o que permite garantir a calidade das mesmas.

Cando estas entidades non teñan capacidade para atender a demanda de servizos farase unha petición pública de novos voluntarios, que se canalizará a través dos Servizos Sociais do Concello, pero mentres tanto "pedimos prudencia e responsabilidade", recalcou a concelleira.

Como lembra Cruz Vermella, a Lei de Voluntariado de 2015 establece uns requisitos sobre as persoas que poden exercelo. Así, para determinados programas de voluntariado requírese que os voluntarios non fosen condenados por sentenza firme por delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, trata e explotación de menores e, noutros casos, establécese que non poidan ter a condición de voluntarios aquelas persoas que cometesen delitos especialmente graves. Así mesmo, establécese que o voluntariado deberá realizarse dentro de entidades de voluntariado

O acordo de incorporación constitúe o instrumento principal da definición e regulación da figura do voluntariado dentro dunha entidade, á vez que garante un marco organizativo e formativo para a persoa voluntaria, a dispoñibilidade dun seguro que lle cobre no desenvolvemento da actividade e o correcto control das actividades levadas a cabo coas persoas usuarias. 

Comentarios
Lo más