CA apoia as iniciativas solidarias para combater a crise e pídelle a Bugallo “que coopere, coordine e aproveite o potencial destas redes comunitarias”

CA apoia as iniciativas solidarias para combater a crise e pídelle a Bugallo “que coopere, coordine e aproveite o potencial destas redes comunitarias”
CA apoia as iniciativas solidarias para combater a crise e pídelle a Bugallo “que coopere, coordine e aproveite o potencial destas redes comunitarias”

O grupo municipal de Compostela Aberta lembra que son moitos os concellos en todo o Estado que están a habilitar rexistros de persoas voluntarias para organizar mellor o seu traballo

Compostela Aberta insta ao Goberno local a “aproveitar a solidariedade que está a xurdir de maneira solidaria durante a crise do coronavirus, e a poñerse á fronte da organización dunha rede de voluntariado que poida atender as necesidades da poboación máis vulnerable nestes momentos”. O voceiro municipal de CA, Martiño Noriega, incidiu en que “a institución municipal debe asesorar e coordinar, pero non intentar frear as iniciativas cívicas da veciñanza, que son necesarias e imparables”.

Tal e como figuraba xa no documento de propostas que se lle fixo chegar ao Goberno na Xunta de Voceiros do pasado luns, Compostela Aberta entende que “a administración municipal debe establecer vías de colaboración coas redes de solidariedade que están a nacer en diferentes barrios de Santiago, a través de asociacións veciñais como Raigame, que xa tén mobilizados a un cento de voluntarios e voluntarias, San Lourenzo, Sar ou As Marías”. Para CA, “o Concello tén que contemplar a posibilidade de que a agrupación de Protección Civil e Cruz Vermella cheguen a ser insuficientes para atender a demanda derivada da crise do coronavirus, tendo en conta que Santiago é un municipio moi extenso, cunha ampla zona rural na que vive unha poboación envellecida e que pode ter problemas de abastecemento maiores”.

Por iso, Martiño Noriega invita a Xosé Sánchez Bugallo e á concelleira de Políticas Sociais a que reflexionen e convoquen ás entidades que están difundindo programas de voluntariado propios, para “aproveitaren o potencial das redes solidarias espontáneas, para coordinalas, darlles as directrices que se consideren oportunas e mesmo o material que sexa preciso nesta situación”. Para o voceiro de CA, “a institución municipal pode canalizar a solidariedade da xente para facela máis efectiva, pilotando estas iniciativas no canto de intentar frealas, e logrando que cubran unha parte máis ampla do territorio municipal para garantir”. Ademais, “as entidades sociais e veciñais que impulsaron as súas redes de voluntariado nestes días poden facer achegas moi valiosas na actual situación de crise, porque son coñecedoras das necesidades concretas da poboación e das súas características concretas”.

“Temos que confiar nas iniciativas cidadás porque están a facerse desde a responsabilidade e fortalecen a coesión social, ademais o tecido asociativo pode chegar alí onde a institución non vai chegar. Bugallo ten que ver isto como unha oportunidade para completar os servizos municipais e non como un intento de substituílo, ten que mudar o enfoque” engadíu Martiño Noriega.

O exemplo doutras cidades

Compostela Aberta entende que o Concello de Santiago debera seguir o exemplo doutras cidades galegas, e tamén do resto do Estado, nas que as administracións locais decidiron aproveitar a vaga de solidariedade xurdida de maneira espontánea para organizar equipos de voluntariado.

Así, en Vigo, o Concello vén de crear un rexistro municipal para organizar e coordinar as iniciativas xurdidas entre as comunidades de veciños, a través da Oficina Municipal de Voluntariado, Deste xeito, segundo informa o Goberno local, facilitaráse a xestión da resposta solidaria dunha forma coordinada co resto de departamentos municipais, fundamentalmente os de Benestar Social e Seguridade Cidadá.

O Concello vigués poderá controlar deste xeito que as persoas voluntarias que realizan traballo na rúa non pertencen a ningún grupo de risco fronte ao coronavirus mentres que, no caso contrario, serán destinadas a labores de atención telefónica. Como acontecía en Vigo, en Compostela parte do traballo de tecer rede xa foi feito desde a iniciativa veciñal, e o grupo municipal de CA entende que agora compre que o Goberno local colabore e coopere para dar formación e coordenación.

Mentres, na Coruña o Concello tamén activou un formulario na súa páxina web para captar voluntarios e voluntarias que atendan a persoas con problemas de mobilidade ou en situación de dependencia. Nun só día, inscribíronse 500 persoas para formar parte deste equipo, que seguirá as indicacións de Protección Civil. Fora de Galicia tamén son moitas as cidades nas que as administracións municipais están sendo proactivas na organización do voluntariado, como Cádiz, Teruel, Cáceres, e multitude de municipios de menor tamaño. Tamén a Comunidade de Madrid habilitou un rexistro, no que xa se levan inscrito máis de 7.000 persoas.

Comentarios
Lo más