Os 10 primeiros doentes pasan o 'COVID auto' en Santiago

Os 10 primeiros doentes pasan o 'COVID auto' en Santiago
Os 10 primeiros doentes pasan o 'COVID auto' en Santiago

Os pacientes acudirán sempre con cita previa trala chamada por profesionais dos servizos sanitarios e non precisarán baixar do coche 

A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza conta co novo punto fixo para a toma de mostras desde o coche para realizar o test de COVID-19. Os 10 primeiros doentes acudiron esta mañá á carpa instalada na rotonda de entrada do Hospital Gil Casares (situado no recinto do Hospital Clínico Universitario de Santiago, na Rúa Choupana s/n, Coordenadas GPS: 42º 52' 6.9''N 8º 33' 51.0''W)

Este novo sistema que se ven sumar á visita a domicilio para a toma de mostras, permite minimizar os riscos de contaxio e a optimización dos equipos de protección individual (EPIs) garantindo a seguridade do persoal que realiza este labor así como a dos pacientes, que non teñen nin que baixar do vehículo para realizar a proba.

O novo dispositivo facilita a recollida de mostras daqueles pacientes con síntomas leves e autonomía que son sospeitosos de contaxio polo coronavirus dacordo cos protocolos establecidos e sempre segundo criterio médico. 

Para acceder ao punto de recollida habilitouse unha carpa e un circuíto de entrada e saída na parte frontal do Hospital Gil Casares, nunha zona afastada da maior entrada de pacientes e traballadores do hospital Clínico e cunha entrada exclusiva desde a rúa da Choupana.

Esta fin de semana está funcionando en horario de mañá e estímase que a partir do luns xa precisará ampliar horario en función das necesidades. O punto está atendido por un equipo de enfermería e co apoio de máis persoal para dirixir o fluxo ordenado de entrada e saída.

Na área sanitaria compostelá hai 108 casos positivos, dos que 27 doentes están hospitalizados (1 no hospital da Barbanza + 3 no Hospital da Rosaleda) e dos que 3 pacientes están ingresados nunha Unidade de Coidados Críticos. Téñense realizado un total de 555 PCR’s.

Este punto fixo da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza ven a reforzar o traballo de recollida de mostras dos equipos a domicilio formados, cada un, por un profesional de enfermería e un técnico en coidados auxiliares de enfermería, estas unidades que seguirán traballando para achegarse aos pacientes con residencia en puntos afastados da cidade, sen vehículo propio ou con dificultades de mobilidade.  

Ata a actualidade están a traballar permanentemente 4 equipos de toma de mostras (4 en horario de mañá, 4 tarde, de luns a domingo) aos que se veu sumar onte o equipo que empezou a traballar no distrito da Barbanza, coa mesma cobertura horaria.

Estas medidas encádranse no Plan de Continxencia ante o COVID-19 realizado pola xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, no que figuran medidas e protocolos de actuación que se van adaptando á evolución da epidemia segundo a planificación previa. Ademais das medidas organizativas xerais, tanto en diferentes servizos hospitalarios (urxencias, UCI, hospitalización e  CCEE) e como na Atención Primaria, tense incorporado novo material e tecnoloxía e procedeuse á contratación específica de persoal sanitario.

Por outra banda subliñar que a meirande parte do persoal da área sanitaria está xa a traballar na modalidade de teletraballo.

Comentarios
Lo más