O Concello de Ames reforza o servizo de limpeza e desinfección viaria

O Concello de Ames reforza o servizo de limpeza e desinfección viaria
O Concello de Ames reforza o servizo de limpeza e desinfección viaria

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Básicos, informa de que a empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria, Urbaser, vén de reforzar o servizo ordinario de limpeza viaria, así como de incrementar o servizo de desinfección das rúas amesás como consecuencia do estado de alarma decretado polo Goberno do Estado ante a crise sanitaria polo coronavirus. Durante o período de estado de alarma o Punto Limpo do Milladoiro permanecerá pechado. O persoal de dito servizo municipal incorporouse ao servizo de limpeza ordinario para reforzalo.



Debido ao estado de alarma declarado polo Goberno do Estado no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, e ao estado de emerxencia sanitaria, a Concellaría de Servizos Básicos, a través da empresa Urbaser, concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, vén de reforzar os traballos de dito servizo. Deste xeito, reforzouse o servizo de baldeo (cisterna, lava-beirarrúas, carriños de baldeo e pulverizadores para aplicar os produtos hixienízantes) e limpeza das zonas con maior afluencia de xente como son os supermercados, centros de saúde, farmacias, estancos e mobiliario público (papeleiras e farois).

 
Ante a imposibilidade de realizar o servizo de mercado de rúa destínanse eses medios para reforzar e baldear as rúas principais do núcleo de Bertamiráns. Ademais, ante a imposibilidade de que a veciñanza acuda ao Punto Limpo do Milladoiro, o operario que traballa neste servizo municipal incorporouse tamén a tarefas de limpeza viaria e baldeo no Milladoiro.
 
Por outra banda, estase prestando especial atención, de xeito diario, ao servizo de limpeza e baldeo no paseo fluvial con especial incidencia nos ouriños e excrementos dos cans. Estase dando prioridade ao uso da cisterna nos dous núcleos principais do Milladoiro e Bertamiráns e nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas, Millalar, Agro do Muíño, A Telleira, Pedregal,  Acacias, O Bosque e aquelas outras nas que sexa preciso independentemente de que estean ou non no contrato actual.
 
O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, explica que “nestes intres co reforzo de servizo feito non se considera necesario incrementar novas medidas para a limpeza e desinfección de rúas, xa que se está cumprindo co estipulado neste senso no Real Decreto 463/2020 e co estipulado polo Ministerio de Sanidade. Se fose necesario acordaríase coa empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria”.
 
Servizo de recollida de enseres e voluminosos

Dende o Concello ínstase á sensatez dos/as veciños/as amesáns, que durante estes días teñen que permanecer confinados na casa, para que non depositen voluminosos xunto aos colectores convencionais. Deste xeito, recórdase que a empresa FCC está desenvolvendo con normalidade o servizo de recollida de voluminosos.

Para facer uso de dito servizo hai que chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositar o voluminoso xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a recollida de ditos enseres e voluminosos.

Comentarios
Lo más