A USC estende a súa achega solidaria contra o Covid-19 ata Madrid

A USC estende a súa achega solidaria contra o Covid-19 ata Madrid
A USC estende a súa achega solidaria contra o Covid-19 ata Madrid

O Rof Codina cede a Sanidade oito respiradores e un ventilador de UCI para o seu traslado ao hospital de emerxencia levantado no Ifema e as facultades do campus de Lugo achegan unha nova remesa de material hixiénico e de protección ao Sergas

A USC estende a súa pegada a prol da loita contra o coronavirus coa cesión de oito carros de anestesia con respiradores e un ventilador de UCI á Consellería de Sanidade, que previsiblemente enviará este equipos do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo ao novo hospital levantado nos pavillóns do Instituto de Feiras de Madrid (Ifema). Este equipamento tecnolóxico de usos sanitarios antóllase como un recurso de vital importancia para prestar asistencia sanitaria ás persoas infectadas polo Covid-19 na capital de España, a zona cero na que esta pandemia está a ter ata o momento unha maior incidencia.

Estes equipos de uso sanitario, dos que se foi dotando do hospital Rof Codina ao longo dos últimos anos a través de diversas convocatorias de financiamento de fondos Feder, teñen un elevado curso económico que podería situarse arredor dos 100.000 euros, segundo indicou o catedrático na Facultade de Veterinaria da USC e director xerente do ‘Rof Codina’, Luis Felipe de la Cruz Palomino. A cesión deste material, que é apto tanto para a medicina humana como a de animais, encádrase no marco da intensa colaboración que está a manter a USC coa Administración nesta situación de alarma sanitaria.

Esta nova acción solidaria a través da cesión de instrumental científico reforza a mensaxe reiterada polo reitor Antonio López respecto da “disposición absoluta da USC a colaborar coas autoridades sanitarias tanto na achega de recursos materiais dispoñibles como e, sobre todo, a través do coñecemento e do I+D+i desenvolvido ou no que participan os e as investigadoras da USC”.

Material de protección individual

O novo lote de material achegado á Consellería de Sanidade pola USC, que xa comezou tamén a proceso de fabricación de 9.000 litros de xel desinfectante e solucións hidroalcohólicas encargadas polo departamento autonómico, inclúe asemade unha gran cantidade de elementos funxibles que permiten garantir as medidas hixiénicas recomendadas para evitar o contaxio do virus.

A escaseza do material e dos equipos de protección individual que están a precisar os profesionais  sanitarios  na primeira liña de batalla contra o Covid-19 levou ao Sergas a dirixirse de novo á USC para solicitar a dispoñibilidade deste tipo de recursos para distribuílos nos centros sanitarios da área de Lugo.

A solicitude cursada polos responsables do Sergas obtivo de novo como resposta a disposición do material existente nos laboratorios e servizos universitarios localizados fundamentalmente nas facultades de Veterinaria e de Ciencias, así como nas propias instalacións do hospital veterinario universitario Rof Codina. Antes xa achegaran os seus recursos outros centros do campus, como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, algúns laboratorios da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e o propio Animalario da Facultade de Veterinaria. Este novo lote inclúe a doazón de milleiros de luvas, buzos e gafas de protección, máscaras, calzas e cubrebotas de plástico, gorros de papel, manguitos, sacos e mantelos, ademais de varios litros de alcohol absoluto e xel desinfectante.

Comentarios