A Xunta de Goberno Local aproba medidas para aliviar a carga fiscal de familias e empresas

A Xunta de Goberno Local aproba medidas para aliviar a carga fiscal de familias e empresas
A Xunta de Goberno Local aproba medidas para aliviar a carga fiscal de familias e empresas

O Concello de Santiago, co obxectivo de aliviar a carga fiscal das familias e empresas compostelás, adoptou un abano de medidas das que deu conta o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo despois da Xunta de Goberno. As propostas están relacionadas co IBI, coa taxa de lixo, e coa taxa de dominio público por mesas e cadeiras, e cos prezos públicos das escolas infantís e da Escola Municipal de Música. Tamén se acordou, mentres dura o estado de alarma, non cobrar os recibos das escolas infantís municipais e da Escola Municipal de Música, que continúa co servizo on-line. Ademais, deuse orde de continuidade a distintas empresas que prestan servizos ao Concello.

A Xunta de Goberno Local acordou que se incoen os procedementos necesarios para que:


- En relación co imposto de bens inmobles, se habilite un novo prazo para poder acollerse ao sistema especial de pago ata o 31 de maio do 2020. Isto permitirá poder pagar o tributo en tres prazos (5 de xullo, 5 de setembro e 5 de novembro), sen intereses. Indicar que actualmente, o prazo para acollerse ao sistema especial de pago do IBI, rematou o 1 de febreiro.

-En relación coa taxa de lixo, para actividades afectadas pola declaración do estado de alarma, que non se aplique a cota variable do tributo durante o período de tempo no que deban de permanecer pechados.

- En relación coa taxa por ocupación do dominio público por mesas e cadeiras, que se minore o importe do recibo polo tempo no que non se puido ocupar o domino público como consecuencia do estado de alarma.

Ademais, instarase ao Goberno Central, a través da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), que o aprazamento das débedas que habilitou o Executivo para a Administración Xeral do Estado se poida aplicar a outras administracións, en concreto ás entidades locais, para que os obrigados poidan aprazar os pagos das súas débedas ata tres meses sen intereses.

Finalmente, respecto ao recibo do IVTM (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica), o período para abonalo remata o 5 de maio. Estase a estudar a medida a adoptar para facilitar o pagamento do mesmo, no suposto no que se prolongase o estado de alarma. 
Comentarios