O Consorcio de Santiago acondicionou o cemiterio da Orde Terceira para a súa apertura á cidadanía

O Consorcio de Santiago acondicionou o cemiterio da Orde Terceira para a súa apertura á cidadanía
O Consorcio de Santiago acondicionou o cemiterio da Orde Terceira para a súa apertura á cidadanía

A actuación centrouse na limpeza dos elementos de pedra existentes, así como na mellora dos pavimentos e da xardinería


No marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, o organismo levou a cabo as obras de acondicionamento do cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público. A empresa encargada desta intervención foi Obras Gallaecia, S.L., por un importe global de 40.979,90 euros.

O cemiterio atópase no Campiño de San Francisco, adosado á parte traseira da igrexa da Orde Terceira e ten acceso desde o propio campiño por unha porta con reixa situada no sur do muro da casa reitoral-sacristía. Está pechado por un muro de pedra. Polo seu lado leste linda coa casa reitoral e coa igrexa, polo sur coa costa de San Francisco e ao leste e oeste coa horta-xardín do convento de San Francisco.

Na parte meridional da igrexa da Orde Terceira localízase a entrada do seu antigo cemiteiro. Nas lápidas dos seus panteóns atópanse nomes de diferentes familias compostelás. Unha parte do cemiterio contén tumbas dos franciscanos do convento. Trátase dun recuncho practicamente descoñecido da cidade que agora se pretende recuperar e facelo visitable.

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Xosé Allegue. Explica que con esta actuación buscábase mellorar a conservación do cemiterio. “A falta de mantemento facía que presentara problemas de crecemento incontrolado de vexetación, dificultades de escorrentía das augas pluviais e suciedade, xunto a intervencións desordenadas que alteraban a coherencia construtiva e histórica do conxunto. No que se refire á xardinería, a maioría das especies vexetais foran plantadas sen seguir ningún criterio nin de selección das especies nin no relativo á súa localización”. Así, tal como indica o arquitecto, “tratábase de acondicionar o cemiterio a través da limpeza dos elementos de pedra existentes no mesmo, a mellora dos pavimentos e a reordenación das especies vexetais”.


As intervencións realizadas no cemiterio

O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións realizadas, colocouse unha placa de bronce na entrada do cemiterio, con indicación dos horarios de apertura ao público, e instalouse iluminación en todo o conxunto. Por outro lado, restaurouse a reixa de entrada e demoléronse os tabiques laterais de ladrillo. Mellorouse a carpintería de acceso á sacristía e pintáronse os paramentos revocados.

O pavimento de pedra mellourouse, empregando lousas vellas con xuntas abertas para facilitar o crecemento da herba. A escalinata limpouse e consolidouse. E na plataforma inferior reordenáronse os pavimentos, respectando as laudas existentes. Ademais, tamén se limpou o monumento central e as liñas de nichos. E colocouse unha varanda tanto na plataforma superior como na escaleira.

En canto á vexetación, cortouse a acacia negra situada na entrada debido a que o seu sistema radicular estaba a danar o edificio. Tamén se eliminaron as sebes de buxo que se atopaban en mal estado e plantouse céspede. Fíxose unha poda xeneralizada de todas as especies arbóreas, ao tempo que se plantaron novas árbores.

Comentarios
Lo más