Propoñen ao Concello que localice ás persoas maiores que viven soas e se interese polo seu estado

Propoñen ao Concello que localice ás persoas maiores que viven soas e se interese polo seu estado
Propoñen ao Concello que localice ás persoas maiores que viven soas e se interese polo seu estado


O Grupo Municipal Popular suxírelle ao Concello que, de non contar co censo que reflicta ese grupo vulnerable, cruce datos do Padrón municipal ou recolla información das entidades sociais, asociacións de veciños ou das comunidades de propietarios

Este xoves, o voceiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete mantivo, a través de videoconferencia, unha conversa de traballo coas concelleiras María Castelao, Beatriz Cigarrán e José Antonio Constenla a fin de analizar a afectación das medidas de confinamento sobre as persoas maiores, para concretar posibles vías de asistencia ás mesmas.

Xa na reunión de portavoces do pasado luns o voceiro Popular -aínda valorando o traballo do Goberno municipal- expresara as súas dubidas sobre a suficiencia do teléfono habilitado polo Concello para atender as necesidades das persoas máis vulnerables, dado o escaso número de chamadas que recibiu.

O certo é que en Santiago pode haber arredor de 4500 persoas maiores de 65 anos que viven soas e que, neste momento, se atopan practicamente illadas, e como advertiu Beatriz Cigarrán “o illamento implica aumentar a vulnerabilidade fronte a unha enfermidade que xa padezan e pode ser causa de que a situación das persoas que están soas empeore por non contar cos apoios necesarios”.

Malia que o pleno do Concello aprobou, en marzo de 2017, unha iniciativa do Grupo Popular para que se elaborase un censo de persoas maiores que vivían soas e no que se especificasen as condicións e circunstancias que se considerasen pertinentes, non semella que tal censo fose elaborado.

“De non terse feito no seu momento, podería o Concello tentar de cruzar os datos do Padrón, das persoas maiores e do número de residentes por vivenda, co fin de coñecer a identidade e domicilio das persoas que viven soas e interesarse por elas. E se iso non fose posible, cabería solicitar información de entidades sociais, asociacións de veciños ou das comunidades de propietarios”, indicou Sánchez-Brunete.

“Naturalmente, sinalou,, hai que dar prioridade ás cohortes de poboación de máis idade, aos maiores de oitenta anos que viven sos e, no caso de non dispor de teléfonos para comunicarse con estas persoas, poderían ser os traballadores sociais, Protección Civil, ou incluso as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o propio Exército -de contar coa autorización da Delegación do Goberno- os que se achegasen aos domicilios destas persoas para interesarse por elas”.

Comentarios