A mellor cultura, dende a casa e de balde

A  mellor cultura, dende a casa e de balde
A mellor cultura, dende a casa e de balde

A USC crea unha axenda cultural virtual que permite o acceso a museos, ópera ou cinema

A Área de Cultura da USC continúa traballando para achegar unha programación cultural diversa e de calidade á comunidade universitaria e á sociedade en xeral na situación actual de confinamento por mor da crise do Covid-19. "Conseguir que este tempo non caia sobre nós como unha lousa non ten que depender exclusivamente de que teñamos ou non plataformas que nos permitan ver series e filmes a esgalla", afirman dende este servizo da Universidade que se concentra estes días en facer accesibles para a cidadanía recursos en liña e de balde.

Museos

Os grandes museos do mundo permiten realizar percorridos, acceder a reportaxes especiais e consultar documentación sen necesidade de facer longas colas. Así, o Museo do Prado alberga propostas en liña con explicacións por parte de expertos, sobre obras senlleiras e artistas. Pola súa parte, o Museo do Louvre tamén ofrece reportaxes especiais sobre os fondos máis destacados que posúen.

Os Museos do Vaticano permiten visitas virtuais, incluída a Capela Sixtina, e o British Museum deixa que se explore, unha por unha, as cen salas que o integran. As Galerías Uffizi, o Metropolitan Museum of Art de New York, ou o Rijksmuseum de Amsterdam, son outras das opcións ás que se pode acceder de modo virtual. Ademais, na ligazón Museos de Galicia pode atoparse información de todos os museos e coleccións da comunidade. 

Ópera e cinema

Metroplitan Opera de New York está a ofrecer cada día na súa web unha ópera en streaming gratuíto da súa colección 'Live inHD'. No relativo ao cinema, a web Novo Cinema Galego ofrece dúas ducias de longametraxes e curtas que poden verse en liña e de balde.  

Escola de teatro

A Escola de Teatro da USC acaba de retomar asemade as aulas de Dirección que se viñan impartindo no presente curso académico, ás que se suma tamén Interpretación. "Desde aquí queremos enviar un abrazo de ánimo a todos os colectivos universitarios que estaban traballando nos seus proxectos escénicos e aos que a presente situación sanitaria impuxo un parón", sinalan os seus responsables. 

Comentarios
Lo más