Protección Civil de Ames propón un agasallo en forma de sorpresa para todos os nenos que están de aniversario nestas datas

Protección Civil de Ames propón un agasallo en forma de sorpresa para todos os nenos que están de aniversario nestas datas
Protección Civil de Ames propón un agasallo en forma de sorpresa para todos os nenos que están de aniversario nestas datas

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Ames pon en marcha unha bonita iniciativa para que todos os nenos e nenas do concello que están de aniversario durante estas semanas de confinamento, teñan unha sorpresa a modo de felicitación. Co ánimo de seguir sentindo o especial dunha data tan sinalada, a AVPC de Ames quere levar dende a rúa e ata as casas esa sorpresa que, a bo seguro, fará que os máis pequenos e pequenas non perdan o sorriso nestas semanas tan complicadas. Se alguén ten un neno ou nena que está de aniversario estes días e quere facerlle este pequeño agasallo, so ten que avisar enviando un whatsapp ou chamando ao número  de teléfono 673 178 888 ou enviando un mail a avpcames@gmail.com. Ames súmase así ao que se está a facer noutros concellos galegos, como é o caso de Cee, no que a Policía Local está a felicitar tamén os aniversarios dos nenos e nenas. 

As ventás e balcóns estanse a convertir, estes días, no raio de esperanza ao que se asoman centos de veciños e veciñas. Facémolo para amosar gratitude, solidariedade, para respirar o aire que botamos de menos, para sentir unha raiola de sol, para falar uns minutos co veciño ou veciña do lado, para escapar, en definitiva, do confinamento e seguir sorrindo ata que todo volva ser como antes. E nesa primeira liña das fachadas e casas, ao carón do arco da vella que ilumina os cristais das ventás, están eles: os nenos e nenas. Cos seus aplausos, os seus debuxos e o seu desexo, que é o de todos, de que todo vai sair ben. E, precisamente, pensando nos máis pequenos da casa, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames pon en marcha unha iniciativa para que todos aqueles nenos e nenas que cumpren anos durante o estado de alarma, teñan esa pequena festa de aniversario nese sitio que nos invita a escapar da rutina: as ventás e balcóns.


Con ese ánimo e para axudar tamén desde as rúas a que os nenos e nenas leven mellor estas semanas de confinamento e sintan o especial que sempre é un aniversario, a AVPC de Ames propón, para todo aquel neno ou nena que esté de aniversario estes días, cambiar as candeas por sereas, a música polas bucinas, e sorprender aos máis pequenos e pequenas da casa cunha celebración diferente. O que non cambiará serán os aplausos que o neno ou nena recibirá, desta volta, desas ventás e balcóns que nos seguen a roubar sorrisos.

Se alguén ten un neno ou nena que está de aniversario estes días e quere facerlle este pequeño agasallo, coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames, tan so ten que avisar enviando un whatsapp ou chamando ao número  de teléfono 673 178 888 ou enviando un mail a avpcames@gmail.com. Os voluntarios e voluntarias de Protección Civil pasarán a darlle esa pequena sorpresa para que os nenos e nenas se sigan sentindo especiais nesa data tan sinalada para elas.

A iniciativa, que comezará a facerse esta mesma tarde, está a ter moito éxito, como demostra o feito de que a páxina de Facebook da AVPC de Ames conte con máis de 23.000 seguidores e que fose compartida máis de 500 veces. Asemade, xa se recibiron máis de medio de cento de chamadas, incluso doutros concellos, e hai empresas que se están brindando a ofrecer material, como globos, para que a sorpresa sexa incluso maior. Esta parte de colaboración estase a valorar dende a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.


Comentarios
Lo más