Taxistas santiagueses transportarán a persoas sen recursos e con discapacidade a cargo de fondos locais

Taxistas santiagueses transportarán a persoas sen recursos e con discapacidade a cargo de fondos locais
Taxistas santiagueses transportarán a persoas sen recursos e con discapacidade a cargo de fondos locais
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello, a Asociación Compostelana de Autotaxi, e a Asociación de Profesionais do Taxi, para a prestación do servizo de transporte no termo municipal a persoas en situación de vulnerabilidade social. Na sinatura do documento tamén estaban presentes a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, e o responsable de Mobilidade, Gonzalo Muíños.

O convenio asínase ante as serias restricións á liberdade de circulación e movemento da cidadanía, derivadas do RD 463/2020, do 14 de marzo. Segundo explicou o concelleiro Gonzalo Muíños, ante a redución no transporte de viaxeiros imposta co estado de alarma, faise necesario habilitar outros medios para dar servizo ás persoas "con vulnerabilidade social, con discapacidade ou que vivan na contorna rural; e cubrirlle os gastos de desprazamento se teñen que ir aos hospitais, á farmacia ou realizar xestións urxentes".

Poden beneficiarse deste servizo as persoas en situación de vulnerabilidade social empadroadas en Santiago de Compostela que carezan de medios de transporte propios, e máis concretamente: persoas cunha discapacidade recoñecida que afecta a súa mobilidade, dificultándolle a utilización de transportes públicos colectivos; persoas con discapacidade visual recoñecida que implique un grao de limitación da actividade igual ou superior ao 75%; e persoas con discapacidade e persoas maiores residentes na contorna rural do municipio, que debido ás restricións do servizo de transporte público de viaxeiros non poden desprazarse a outros lugares polos seus propios medios.

Funcionamento do servizo
Segundo explicou o concelleiro Gonzalo Muíños, "o procedemento é similar ao que se está facendo co reparto de vales de alimentos". A través do teléfono 010 recóllense as solicitudes de transporte e tramítanse a través do departamento de Servizos Sociais. Se cumpren os requisitos, remítense as asociacións de taxistas, que van buscar aos/ás beneficiarios/as aos seus domicilios. Será o Concello quen abone ás asociacións de taxi o custe dos servizos prestados.

Pulsador semáforos
Ao final do acto de sinatura, Gonzalo Múiños explicou que outra das medidas tomadas polo Concello, por motivos de hixiene e para evitar contaxios, foi inhabilitar o pulsador dos semáforos. Entrará en vigor a partir das tres da tarde de hoxe. A partir desa hora, segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, "os semáforos terán funcionamento normal. Son pequenas medidas que imos adoptando. Esta en concreto vén de distintas peticións de cidadáns que están na rúa", engadiu. 
Comentarios