Interrompidas as obras do Consorcio para instalar un ascensor na sede do Conservatorio Histórico

Interrompidas as obras do Consorcio para instalar un ascensor na sede do Conservatorio Histórico
Interrompidas as obras do Consorcio para instalar un ascensor na sede do Conservatorio Histórico

O Consorcio de Santiago estaba a realizar a obra de instalación dun ascensor no edificio situado na praza de Salvador Parga nº 4, na cidade histórica, que na actualidade é sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedade Económica de Amigos do País. As obras tiveron que deterse esta semana, con motivo do novo decreto que obriga a paralizar todas as actividades non esenciais. A empresa encargada desta actuación, cuxo importe alcanza os 83.162,24 €, é a empresa local Obras Gallaecia, S.L.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto é Ángel Panero. Explica que "a finalidade desta intervención é garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do inmoble histórico, que ten unha superficie construída total de 2.555,93 metros cadrados e un uso intensivo por parte dos cidadáns debido ás institucións que alberga. Sinala que o Consorcio promove esta intervención dentro do propósito do organismo interadministrativo de "traballar para mellorar sempre as condicións de habitabilidade dos edificios da cidade histórica, neste caso respaldando técnica e administrativamente o procedemento para a instalación dun ascensor que garanta o dereito á accesibilidade universal de calquera cidadán a todas as plantas en calquera edificio con uso público".

Intervención rematada un mes despois do reinicio das obras
O arquitecto indica que "no momento da interrupción da obra estábase rematando de instalar o ascensor e o recubrimento da estrutura. Os traballos relativos a electricidade, fontanería, tabiquerías, cantería, alicatados e ferro estaban xa rematados ou practicamente finalizados na súa totalidade".

"Esperábase que esta mesma semana comezase a traballar o carpinteiro e o pintor co obxecto de rematar as obras na segunda quincena do mes de abril", apunta Panero. O arquitecto do Consorcio asegura que "se adoptaron as medidas oportunas para poder relanzar a obra a pleno rendemento en canto se supere a situación de alerta sanitaria". Nesta liña, afirma: "confiamos en poder tela rematada, e o que é agora ben importante, certificada e abonada ao 100%, no prazo máximo dun mes dende o momento da súa reanudación".

Ademais de adoptar as medidas oportunas para relanzar inmediatamente a execución das obras paralizadas en canto se supere a situación de alerta, o Consorcio de Santiago está a traballar intensamente os expedientes administrativos para licitar e adxudicar o maior número posible de obras durante esta parada obrigada. A finalidade é poñer as obras en marcha en canto as empresas, autónomos e traballadores poidan volver traballar. 
Comentarios