Noriega a Feijóo: “Habilite todas as camas dos hospitais públicos e privados de Santiago antes de ingresar doentes nun polideportivo”

Noriega a Feijóo: “Habilite todas as camas dos hospitais públicos e privados de Santiago antes de ingresar doentes nun polideportivo”
Noriega a Feijóo: “Habilite todas as camas dos hospitais públicos e privados de Santiago antes de ingresar doentes nun polideportivo”

O portavoz de CA e integrante da coalición Galicia en Común-Anova Mareas explica que “Santiago ten 120 camas en hospitais privados, e un hospital, o Gil Casares, no que se pechou hai só meses unha unidade de paliativos que chegou a ter 35 camas”

Martiño Noriega insistiu hoxe en que “a instalación dun hospital de campaña nun polideportivo debe ser a última opción para atender á poboación afectada polo coronavirus, únicamente se non quedan camas dispoñibles nos hospitais públicos e privados de Santiago”. O portavoz de Compostela Aberta, e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “o presidente da Xunta reitere onte a súa intención de abrir esas instalacións en Sar, mentres segue sen aclarar se o Goberno galego vai utilizar nesta crise da Covid-19 todos os recursos xa dispoñibles, e que permitirían unha mellor atención ás persoas doentes”. Para Noriega, “os anuncios de Feijóo teñen moito que ver con criterios propagandísticos, máis que con criterios de oportunidade en saúde pública”. 

Martiño Noriega referiuse hoxe ao anuncio realizado polo presidente da Xunta, quen onte avanzou nos seus plans para instalar un hospital de campaña no Multiusos Fontes do Sar, con entre 100 e 150 camas. Para o integrante da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, “o primeiro que debe facer Feijóo é aclarar que recursos dos hospitais públicos e privados de Santiago se están a utilizar para facerlle fronte á pandemia, porque cremos que ainda hai marxe nestes equipamentos, que garantirían unha mellor atención ás persoas contaxiadas polo coronavirus”. 

Aproveitar os recursos existentes

Nesa liña, Noriega apuntou que “cónstanos que non hai saturación nin no Clínico nin no Provincial de Conxo, e descoñecemos se a Xunta tén previsto utilizar o hospital Gil Casares”. No caso concreto deste centro, moi próximo ao propio Hospital Clínico, o tamén portavoz de Compostela Aberta lembrou que ”ata finais de 2019 acollía a Unidade de Paliativos que foi trasladada ao Provincial de Conxo, e que chegou a ter 35 camas”. Xa que logo, insiste Noriega, “falamos dun centro que está preparado para acoller enfermos e enfermas, nunhas condicións moito máis dignas que calquera polideportivo”. 

Noriega insistiu tamén en que “Feijóo debe facer efectiva a intervención dos hospitais privados, porque o certo é que mentres el fala de instalar hospitais de campaña nun polideportivo son tan só nove as persoas con coronavirus ingresadas nos centros privados de Santiago”. Para o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, “é incomprensible que o presidente da Xunta non bote man das preto de 120 camas que suman os hospitais da Rosaleda e da Esperanza, xestionados ambos pola empresa HM e que só teñen a 9 persoas ingresadas con coronavirus, e insista en instalar entre 100 e 150 camas no pavillón de Sar”. 

O tamén portavoz de Compostela Aberta pediulle a Feijóo “que evite repetir os erros que se están a ver nestes días en Madrid, onde o persoal do hospital de campaña habilitado en IFEMA está a denunciar a pouca seguridade para os profesionais, a mala loxística, e a escaseza de recursos materiais no recinto ferial”. Nesa liña, Noriega tamén apuntou que “non se entende que o presidente da Xunta queira abrir un hospital de campaña para o que di que non haberá novo persoal, senón que se detraerán recursos humanos dunha Atención Primaria que está a ser infrautilizada nesta crise, e dunha atención especializada que nestes momentos tén moita carga de traballo”. 

Comentarios