O BNG propón bonificar a taxa de lixo nos locais de hostalaría e comercio obrigados a pechar durante o estado de alarma

O BNG propón bonificar a taxa de lixo nos locais de hostalaría e comercio obrigados a pechar durante o estado de alarma
O BNG propón bonificar a taxa de lixo nos locais de hostalaría e comercio obrigados a pechar durante o estado de alarma

Goretti Sanmartín considera necesario impulsar paquetes turísticos especializados que axuden a recuperar as perdas da Semana Santa

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón bonificar a taxa da recollida de lixo aos estabelecementos de comercio e hostalaría que se ven na obriga de pechar durante a situación de alerta decretada para frear a expansión do coronavirus.

Cos locais pechados, a taxa de lixo non pode ser o mínimo; debe ser bonificada, do mesmo xeito que se pode facer unha minoración do IBI. Cómpre ter en conta que este sector da hostalaría e do comercio vai perder a campaña da Semana Santa, probabelmente festas como a Ascensión e pontes festivos en que era habitual recibir un importante número de visitantes en Santiago de Compostela.

“Para o BNG, é o momento de apostar un cambio de modelo no turismo, que non poderá ser masificado e terá que avanzar cara á sustentabilidade e a especialización”, explicou Goretti Sanmartín.

Así, propón que o Goberno local impulse, de xeito dialogado co sector, un plan de apoio para a difusión de paquetes de viaxes que inclúan noites de hotel, comidas, espectáculos, roteiros guiados e visitas a museos e espazos naturais, “con distintas posibilidades para a escolla das persoas visitantes e co obxectivo de conseguir un turismo de calidade e non de masificación”.

Esta especialización pode ser temática ou por colectivos e grupos de idade. “A especialización das ofertas pode vir dada polo interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico, ambiental, lingüístico ou gastronómico”, puxo como exemplos, “sen esquecerse do turismo de congresos que tamén deberá reformularse por grupos de traballo que pode impulsar o propio Concello de Santiago en colaboración con distintas universidades, colexios e gremios profesionais”.

Ademais, Goretti Sanmartín inclúe a posibilidade de pór en marcha a SantiagoCard, unha tarxeta que incentive a visita a museos, actividades culturais (concertos, cine, teatro...), uso do transporte público e tren turístico. Para iso, é necesario que traballen de xeito coordinado as áreas de Turismo, Cultura, Parques e Xardíns de cara a idear eses paquetes especializados tanto por segmentos de idade como por intereses, explicou a portavoz municipal do BNG.

Lembrou tamén que unha das cuestións urxentes que reclaman as asociacións de hostalaría e comercio é a instalación de wifi na Cidade Histórica, “para o que non debe haber máis demoras por parte das administracións para permitir a súa posta en marcha e poder operar coas novas tecnoloxías”.

Comentarios