O luns entra en vigor o orzamento xeral do Concello de Santiago

O luns entra en vigor o orzamento xeral do Concello de Santiago
O luns entra en vigor o orzamento xeral do Concello de Santiago

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o anuncio de aprobación definitiva do orzamento xeral do Concello de Santiago de Compostela e do cadro de persoal para o exercicio 2020. Son, en total, 116.975.595,33 euros da entidade local; aos que hai que sumar 2.606.277,65 euros do Auditorio de Galicia; e os 3.124.240,35 de Incolsa (Turismo de Santiago); e 3.721.220,76 euros da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, TUSSA. Este orzamento entrará en vigor o próximo luns, día 6 de abril.

A concelleira de Economía, Marta Abal, explicou que a aprobación definitiva do orzamento supón un balón de osíxeno para afrontar a situación que vivimos e "as necesidades que sustentaron a elaboración do presuposto". A tamén responsable de Facenda admite que haberá que reconducir parte do crédito do crédito inicial do orzamento 2020 para afrontar as consecuencias derivadas da crise do COVID-19, "dende o punto de vista dos servizos sociais, desde o punto de vista asistencial e desde o punto de vista económico".

O obxectivo, sinala, é dobre: atender as necesidades básicas da poboación ante a situación derivada do estado de alarma, e axudar ao tecido empresarial e "na medida do posible, ás PEMEs de Santiago, que se están vendo afectadas por esta crise económica".

Non obstante, as necesidades relativas a actuacións de carácter social e asistencial a consecuencia do COVID-19 poderanse afrontar, en boa medida, con cargo ao remanente líquido de tesourería que resulte da liquidación do exercicio de 2019, despois da recente habilitación feita polo Goberno central que permite destinar o 20% do superávit municipal a prestacións e inversións relativas a gasto social. Obviamente isto, sinala Marta Abal, "que nos permitirá actuar no eido social e asistencial sen ter que modificar en profundidade o crédito inicial do orzamento 2020, ten como consecuencia que nos veremos obrigados a renunciar a parte das actuacións que estaban inicialmente proxectadas para ser financiadas con cargo a este remanente líquido de tesourería".

Ao respecto, pon de manifesto a concelleira que boa parte dos programas postos en marcha e tramitados con contratos de emerxencia, como os tickets especiais de compra ou o servizo extraordinario de comedor, poderanse financiar con cargo a este 20% do remanente líquido de tesourería.

Explica Marta Abal que haberá gastos se terán que someter a modificacións orzamentarias, precisamente para facer fronte a esas necesidades económicas de sectores como o comercio, a hostalería ou a cultura, e tamén das pequenas empresas. Aclara a concelleira que nestes orzamentos de 2020 xa se contemplaban "de xeito incrementado, partidas para atender a este comercio, a este tecido empresarial, que obviamente vanse ver aumentadas no marco do plan que está elaborando o alcalde coas áreas de Comercio e Promoción Económica".

A concelleira engade que, neste contexto de crise sanitaria, tamén se incrementaron outro tipo de gastos, relacionados coa organización interna do Concello, co teletraballo e coa realización das Xuntas de Goberno por videoconferencia. "Non estabamos preparados para iso", aclara, "e tivemos que recorrer a gastos extraordinarios para afrontar esas necesidades e continuar coa prestación dos servizos públicos e coa xestión ordinaria do Concello cunha certa normalidade".

A aprobación inicial dos orzamentos tivo lugar nun pleno extraordinario celebrado o 2 de marzo pasado. Saíron adiante cos votos favorables do Grupo Socialista e a abstención de Compostela Aberta. Ao non rexistrarse alegación algunha, apróbanse automaticamente coa súa publicación hoxe no BOP e non teñen que volver a pleno. Este orzamento de 116.975.595,33 euros supón un incremento do 6,46% respecto ao de 2019. Ademais do orzamento, tamén se aproba o cadro de persoal para o exercicio de 2020 do Concello de Santiago e do organismo autónomo Auditorio de Galicia; e as bases de execución e restante documentación complementaria que integra o orzamento municipal. 
Comentarios