Martiño Noriega pídelle a Feijóo que interveña as residencias de maiores xestionadas por DomusVi en Santiago

Martiño Noriega pídelle a Feijóo que interveña as residencias de maiores xestionadas por DomusVi en Santiago
Martiño Noriega pídelle a Feijóo que interveña as residencias de maiores xestionadas por DomusVi en Santiago

O portavoz de Compostela Aberta lembra que en só 24 horas rexistráronse case 60 casos nos centros de San Lázaro e Pontepedriña

Martiño Noriega urxiu hoxe ao presidente da Xunta a intervir as residencias de maiores que a empresa DomusVi xestiona en Santiago, ante o importante incremento do número de persoas infectadas por coronavirus neses dous centros. O portavoz de Compostela Aberta e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas reiterou que “esta crise sanitaria está poñendo en evidencia as consecuencias das malas decisións que Feijóo adoptou nestes dez anos de políticas privatizadores, e unha desas pésimas decisións foi a privatización das residencias de maiores”.

Noriega considerou “alarmante” que nas últimas 24 horas a residencia DomusVi de San Lázaro sumara 42 positivos por coronavirus, para chegar a un total de 85 persoas afectadas; e no mesmo periodo se detectaran 17 novos casos na residencia José Otero da Pontepedriña, xestionada pola mesma empresa, e que ata onte tiña cinco positivos. Para o portavoz de Compostela Aberta, os datos da consellería de Política Social “teñen que facer que Feijóo reaccione e adopte medidas urxentes”, porque dos 68 novos contaxios entre os maiores rexistrados onte nas residencias galegas, 59 son en dous centros de Santiago “xestionados pola mesma empresa responsable dos centros de Vigo e de Cangas que sí foron intervidos xa pola Xunta”. 

Apoio ás traballadoras 

Martiño Noriega expresou tamén hoxe o seu apoio ás traballadoras de DomusVi en residencias de todo o país, “traballadoras que levan anos queixándose de que a súa precaria situación ía en detrimento da atención aos maiores, e que agora se enfrontan a unha crise sanitaria con falta de medios persoais e materiais”. Nesa liña, o membro da coalición Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “as traballadoras sigan agardando a que se lle realicen test para coñecer se están ou non contaxiadas pola Covid-19 e, ante as súas protestas públicas, a reacción da empresa sexa ameazar con expedientes e despidos”. 

Novo modelo público de residencias 

Para Noriega, o que está a acontecer demostra que “unha das peores decisións que adoptou Feijóo foi a de privatizar as residencias xeriátricas, ben directamente desde a Xunta, ben pola súa fracasada operación de fusión das caixas de aforro; e por iso urxe un novo modelo público de residencias que reverta a situación, e que sexa garantía do benestar dos nosos maiores”. O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas incidiu en que “quen consiga ver máis alá da propaganda institucional do rexime de Feijóo, poderá ver un país no que o ratio de prazas en residencias e do 3,05% sobre os maiores de 65 anos, moi por debaixo da media estatal, e cun 65% das prazas en mans de empresas privadas”, segundo datos do informe de fiscalización do Consello de Contas do ano 2015. 

Ese informe resaltaba que “o número de persoas que accederon a prazas residenciais a través do sistema de emerxencia social pasou de ser unha excepción a ser o sistema máis empregado para o aceso ao servizo”, ao tempo que recolle que “ademais de estar sendo privatizado, o sistema de residencias reduciu un 7,1 por cento os gastos de persoal”.

Comentarios
Lo más