Brión pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos a domicilio para o Banco Municipal de Alimentos

Brión pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos a domicilio para o Banco Municipal de Alimentos
Brión pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos a domicilio para o Banco Municipal de Alimentos

O Concello de Brión pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos a domicilio para o Banco Municipal de Alimentos. “Como durante a situación de confinamento non é posible que os veciños e veciñas se acheguen aos edificios públicos municipais para facer a súa achega, dende o Concello de Brión imos poñer en marcha un programa de recollida deses alimentos a domicilio, para despois poder entregarllos ás familias que máis o precisen”, explica o alcalde, José Luís García

Deste xeito, todos os veciños e veciñas de Brión que queiran colaborar co Banco Municipal de Alimentos só teñen que contactar co Departamento de Servizos Sociais de Brión, ben calquera hora do día a través do mail voluntariado@briondixital.org ben no teléfono 981 50 99 10 (de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas), indicando o seu nome, enderezo para facer a recollida e número de teléfono de contacto.

A colaboración da veciñanza, o tecido empresarial e as organizacións sociais, xunto coa achega periódica do programa europeo de axuda alimentaria, permiten atender as necesidades alimentarias básicas dunhas 100 familias de Brión. Entre estas familias inclúense unidades familiares que precisan tamén de apoio para cubrir outras necesidades básicas como abrigo, calzado, farmacia... para o que se creou a rede “Brión solidario”, que sigue operativa tamén nestes tempos de confinamento.

“Brión solidario” é unha iniciativa posta en marcha polos Servizos Sociais de Brión que está operativa todo o ano. As persoas que desexan participar nesta rede só teñen que inscribirse nos Servizos Sociais municipais e deixar un mail de contacto. A este e-mail envíanse de xeito periódico mensaxes detalladas acerca das necesidades concretas detectadas, mencionando con exactitude que artigo se precisa e en que prazo é necesario cubrir esa necesidade. Se un veciño ou veciña dispón dese artigo e desexa doalo, só ten que contactar cos Servizos Sociais para que llo recolla. Desta forma mantense o anonimato entre doador e persoa beneficiaria (que en ningún momento están en contacto) e, ao coordinarse todo dende Servizos Sociais, garántese que a necesidade exposta é real.

Comentarios
Lo más