Brión adquire un canón de ozono portátil para a limpeza e desinfección de interiores, vehículos e superficies

Brión adquire un canón de ozono portátil para a limpeza e desinfección de interiores, vehículos e superficies
Brión adquire un canón de ozono portátil para a limpeza e desinfección de interiores, vehículos e superficies

Será empregado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal, que tras a crise do COVID-19 poderá empregalo para a desinfección dos seus equipos e vehículos 

O Concello de Brión ven de adquirir un canón de ozono portátil, que será empregado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal para a realización de traballos de limpeza e desinfección de interiores, vehículos e superficies. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o ozono é o desinfectante máis eficiente para todo tipo de microorganismos, incluíndo os coronavirus como o COVID-19.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “é unha medida preventiva máis que tomamos desde o Concello de Brión para evitar a propagación do COVID-19 e que se suma ás limpezas e desinfeccións manuais que se están a facer a diario nos contedores do lixo e nos lugares de maior afluencia de persoas, así como aos traballos de desinfección co tractor nas 106 aldeas do municipio. Unha vez superemos esta crise sanitaria, o canón de ozono será tamén de moita utilidade para o persoal do GES”.

O novo canón de ozono será empregado para a limpeza e desinfección dos vehículos, equipos e locais do persoal que está na primeira liña da loita contra o COVID-19 como o propio Grupo de Emerxencias Supramunicipal, Policía Local, Garda Civil e Centro de Saúde. Tamén poderá ser empregado para a limpeza e desinfección dos distintos edificios e instalacións municipais antes da súa reapertura ao público cando se levante o actual estado de alarma.

O ozono, ademais de ter propiedades desodorizantes, non xera ningún tipo de residuo químico durante o seu proceso de desinfección, polo que é unha solución eficiente e ecolóxica para a eliminación de contaminantes patóxenos do aire, auga, superficies, maquinaria, complexos téxtiles de protección, interior de vehículos, accesorios e interior de habitacións.

Unha vez superada a actual crise sanitaria do COVID-19, o canón de ozono seguirá sendo utilizado polo GES de Brión para a limpeza e desinfección dos seus equipos, que están expostos a numerosos contaminantes físicos e químicos ao longo do seu traballo diario en incendios urbanos e forestais, accidentes de tráfico, rescates… Este novo equipo mellorará a súa calidade de vida ao eliminar a contaminación diaria que acumulan nos seus vehículos e equipos de traballo.

Comentarios