O Pleno de Lousame aproba por unanimidade axilizar o pago de facturas a provedores por máis de 167.000 euros

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade axilizar o pago de facturas a provedores por máis de 167.000 euros
O Pleno de Lousame aproba por unanimidade axilizar o pago de facturas a provedores por máis de 167.000 euros

Lousame conta cun remanente líquido de tesourería de máis de 552.000 euros e un período medio de pago de 8,12

O Concello de Lousame celebrou unha sesión plenaria extraordinaria e urxente para aprobar dous recoñecementos extraxudiciais de crédito por un importe de 167.084,47 euros para o pago de facturas a provedores correspondentes ao exercicio de 2019. Unha sesión non presencial e realizada de xeito telemático para cumprir coas condicións de confinamento establecidas polo Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia da sesión en que “queremos que os provedores, que están pasando un momento difícil, tarden o menos posible en ter efectivos os seus ingresos”. Neste sentido, explicou que a intención era celebrar esta sesión no mes de marzo, pero non foi posible por cuestións técnicas. “Faise agora para enviar o luns á Deputación e que poida saír publicado do BOP para que a finais de mes os provedores teñan as facturas pagadas”, explicou a alcaldesa. Unha urxencia que foi aprobada co voto unánime dos 7 concelleiros do PP, 3 edís do PSOE e o voceiro do BNG, conectados a esta sesión telemática.

Así, o pleno aprobou dous créditos extraordinarios para xerar crédito para o pago das facturas recollidas nos correspondentes recoñecementos extraxudiciais de crédito. O primeiro, o REC 5/2020, ascende a 106.590,2 euros para o pago de facturas presentadas en 2019 con cargo a partidas que non contaban xa con dotación orzamentaria e nas que non deu tempo a realizar unha modificación de crédito dentro do mesmo exercicio. O REC 6/2020, por un importe de 60.494,27 euros, correspóndese con facturas chegadas ao Concello de Lousame en xaneiro de 2020 correspondentes a traballos realizados na anualidade 2019.

Liquidación do Orzamento de 2019

Previamente, a alcaldesa deu conta do expediente da liquidación do Orzamento do exercicio 2019, que deixa un remanente líquido de Tesourería de 552.608,62 euros, o que permitiu a aprobación dos créditos extraordinarios e os REC para o pago de facturas a provedores. Así mesmo, este expediente dá conta da solvencia económica do Concello de Lousame, que a 31 de decembro de 2019 rexistraba un período medio de pago a provedores de 8,12. Así mesmo, Lousame conta cun aforro neto positivo de 119.483,12 euros e unha débeda bancaria cero.

Comentarios