Photonics4Life participa na creación de cofres para esterilizar máscaras faciais

Photonics4Life participa na creación de cofres para esterilizar máscaras faciais
Photonics4Life participa na creación de cofres para esterilizar máscaras faciais

A caracterización dosimétrica desenvolvida polo grupo de investigación é chave para que o material de uso sanitario poda ser reutilizado

A alta demanda de máscaras faciais, así como a súa escaseza no mercado, fai que a esterilización deste material se converta, moitas veces, nunha saída necesaria para os centros sanitarios. Nesta liña, o grupo de investigación Photonics4Life da USC participa na creación de cofres que inhabilitan os virus. Dotados de luminarias que emiten unha lonxitude de onda de 254 nanómetros, o uso destas caixas metálicas é coñecido como esterilizador e bactericida.

"Dende o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) puxéronse en contacto coas universidades e centros de investigación a finais de marzo solicitando persoal cualificado que puidese medir a dosimetría do cofre que estaban a construír para dar solución á falta de EPIS, máscaras en particular, que sufrían nese momento para poder reutilizalas", explica Maite Flores-Arias, coordinadora de Photonics4Life.

O grupo de investigación caracterizou dosimetricamente o cofre e contribuíu  ao seu deseño interior, en particular no relativo á posición da reixa que alberga as máscaras a  esterilizar, así como no posicionamento máis adecuado para as mesmas. "Para converter o cofre nun sistema fiable de desinfección fronte ao SARS-CoV-2, necesitábase facer unha caracterización dosimétrica precisa, determinando as sombras de dosimetría que se producen no interior do cofre canto hai varias máscaras de diferentes tipos e con xeometría diferente", explica a profesora Flores-Arias.

Capacidade de desprazamento

Instalado na sala de reanimación do CHUS, o cofre funciona as 24 horas do día e mesmo se construíu outra cámara para dar servizo á gran demanda existente, na mesma sala e con características idénticas. "A vantaxe que presenta este cofre de desinfección é que se pode desprazar grazas ao seu sistema de rodas, podendo coarse no sitio concreto onde se xera o material contaminado, sen ter que facer traslado do mesmo dun lugar a outro", afirma a coordinadora de Photonics4Life.

A caracterización e os cálculos dosimétricos foron realizados polos investigadores da USC Maite Flores-Arias, Xusto Arines Piferrer e Carmen Bao, da área de Óptica do Departamento de Fisica Aplicada. Tamén interviñeron na súa construción Ramón Vilanova, do grupo  Iberman, e Aurora Baluja, do departamento de  Anestesioloxía do CHUS, dirixido polo tamén decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Julián Álvarez Escudero. Os membros de Photonics4 Life acaban de participar tamén na caracterización dun cofre similar que o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo solicitou á empresa Hidronav  Technologies S.L.



Interior do cofre



Comentarios