Aprobado por unanimidade a posta a disposición da Xunta da parcela necesaria para construír o novo CEIP do Milladoiro

Aprobado por unanimidade a posta a disposición da Xunta da parcela necesaria para construír o novo CEIP do Milladoiro
Aprobado por unanimidade a posta a disposición da Xunta da parcela necesaria para construír o novo CEIP do Milladoiro

O Concello de Ames celebrou este xoves, 16 de abril, o primeiro pleno telemático, que ademais foi retransmitido en directo vía streaming. Esta sesión plenaria correspondeu á sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, que non se puido celebrar a finais do pasado mes ao estar declarado o estado de alarma.

O pleno comezou cun minuto de silencio, por petición do voceiro do grupo municipal popular, Ramón García Argibay, en recordo das persoas falecidas pola pandemia do Covid-19. A continuación, o alcalde deu conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria e aprobáronse por unanimidade as actas do pleno extraordinario do 20 de febreiro e do pleno ordinario celebrado o pasado 27 de febreiro.



De seguido, o Pleno aprobou por unanimidade a desestimación da solicitude feita pola empresa concesionaria do complexo da piscina cuberta municipal de Ames, para a compensación económica debido a paralización da súa actividade empresarial. Todos os grupos municipais coincidiron en que non procedía aprobar dita solicitude.

Novo CEIP do Milladoiro
Un dos temas máis importantes que se abordaron no pleno ordinario correspondente ao mes de marzo foi a posta a disposición da Xunta de Galicia da parcela necesaria para o novo colexio do Milladoiro. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal, que coincidiu en destacar a necesidade deste colexio para á poboación do Milladoiro. Deste xeito, o Concello de Ames continúa coa tramitación para ceder dita parcela á Xunta de Galicia.

A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluída no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento estimado de 4 millóns de euros. Unha vez superado o trámite de inscrición dos terreos no Rexistro da Propiedade, agora aprobouse en Pleno o convenio de colaboración coa Consellería de Educación, para ceder a parcela a Administración autonómica, para que se ocupe da redacción do proxecto e da licitación das obras de construción.

A posta a disposición da parcela é libre de cargas e gravames, sen reserva ningunha. Trátase dunha parcela de 13.167 metros cadrados, inscrita no Rexistro da Propiedade de Negreira. Antes do inicio das obras, o Concello de Ames comprométese a acreditar o desvío do tendido eléctrico e da condución subterránea de augas para usos domésticos que consta na inscrición rexistral.

Ademais, o goberno municipal comprometeuse a negociar coa Xunta de Galicia que o novo colexio do Milladoiro dispoña dun espazo para habilitar un comedor, que se integrará na Rede municipal de comedores escolares, así como que se dote ao CEIP de instalacións deportivas que son moi necesarias para o conxunto da veciñanza do Milladoiro.

Orzamento municipal de 2020
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a reanudación do prazo do trámite de exposición pública do orzamento 2020. A exposición pública do orzamento municipal de 2020 suspendeuse debido á declaración do estado de alarma, cando quedaban 2 días para finalizar dita exposición. Cómpre lembrar que o Orzamento de 2020 foi aprobado nun pleno extraordinario celebrado o pasado 20 de febreiro.

O orzamento de 2020 ascende a cifra de 27.370.000 euros, incrementando en 1.370.000 euros (5,29%) respecto do presuposto de 2019. Trátase do maior orzamento municipal aprobado no Concello de Ames. Recolle un forte compromiso nos capítulos de investimentos, desenvolvemento dos servizos básicos, e blinda as áreas de educación e servizos sociais.

Rogos e preguntas
Neste apartado, ademais de realizarse os rogos e preguntas que os/as concelleiros/as estimaron oportunos, os voceiros dos grupos políticos municipais agradeceron o traballo do persoal municipal durante a pandemia do Covid-19.

O voceiro do grupo municipal popular, Ramón García Argibay, tivo palabras de pésame para todas as familias que perderon a algunha persoa querida debido ao coronavirus. Tamén ofreceu apoio ao grupo de goberno para todo o que sexa necesario.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, tamén lle deu o pésame ás familias afectadas pola pandemia do Covid-19. Ademais, agradeceulle á veciñanza a súa implicación no cumprimento das normas para frear o número de contaxios por coronavirus, así como ao persoal municipal polo seu traballo e aos grupos da oposición, que dende o primeiro momento ofreceron o seu apoio ao goberno municipal.




Comentarios