Noia entregará 1.800 máscaras de protección aos veciños e veciñas maiores de 65 anos

Noia entregará 1.800 máscaras de protección aos veciños e veciñas maiores de 65 anos
Noia entregará 1.800 máscaras de protección aos veciños e veciñas maiores de 65 anos

O material pode retirarse desde este martes nas seis farmacias do municipio

O Concello de Noia repartirá de forma gratuíta un total de 1.800 máscaras de protección contra o coronavirus COVID-19 entre os veciños e veciñas maiores de 65 anos. O alcalde, Santiago Freire Abeijón, explica que “repartiremos estas 1.800 máscaras entre os nosos maiores, por seren un dos colectivos máis vulnerables ao coronavirus, e para iso contaremos coa colaboración das seis farmacias de Noia, que dende esta tarde procederán a entregar dúas máscaras por unidade familiar”.

O alcalde sinala que “este reparto de material entre os nosos maiores é só unha primeira medida, posteriormente haberá novas entregas”. O material foi entregado esta mañá por persoal municipal e integrantes de Protección Civil nas seis farmacias do municipio: Busto Rodríguez (rúa Comercio, 23), Cruces Zabala (rúa Gómez de Ares de Guisamonde, 1), Fernández Leiceaga (Sosfreixos, 3), Leiceaga Baltar (rúa Comercio, 1), Veiras Pérez (rúa Calvario, sn) e Jorge Barros (Vista Hermosa, 16).

Freire Abeijón agradece a colaboración destes profesionais “para facerlle chegar este material de protección ás persoas que o necesitan e que poderán recoller cando teñan que achegarse á farmacia máis próxima á súa vivenda”.

Con este reparto de 1.800 máscaras entre a veciñanza, o Concello de Noia continúa co seu labor de facilitar material de protección aos distintos colectivos do municipio. Durante as primeiras semanas da crise sanitaria, este material foi repartido entre persoal do servizo de axuda no fogar, Protección Civil, Policía Local e persoal municipal para garantir a súa seguridade na prestación dos seus servizos esenciais.

Posteriormente, o Concello de Noia repartiu elementos de protección entre os comerciantes da Praza de Abastos e entre os voluntarios e voluntarias da Cruz Vermella e Cáritas no municipio. Así mesmo, durante a pasada semana entregáronse máscaras de protección ás persoas que se reincorporaban aos seus postos de traballo despois do permiso retribuído recuperable decretado polo Goberno.

Comentarios
Lo más