A EOI de Santiago abre o prazo para votar no certame aRi[t]mar

A EOI de Santiago abre o prazo para votar no certame aRi[t]mar
A EOI de Santiago abre o prazo para votar no certame aRi[t]mar

Os poemas finalistas galegos son da autoría de Alba Cid, Carlos Callón, Carlos da Aira, Carlos Penela, Chus Pato, Emma Pedreira, Manuel Forcadela, Mercedes Queixas /X.C. Domínguez Alberte, Olga Novo e Tamara Andrés

O certame aRi[t]mar galiza e portugal da música e da poesía galego-portuguesa, iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, abre o proceso de votación despois do xurado ter seleccionado as vinte (10+10) poesías portuguesas e galegas nomeadas, entre 115 poemas de 50 poetas. As persoas que quixeren participar poderán votar a través da web do certame de Santiago de Compostela até ás 23:59 h do día 20 de maio, e participarán posteriormente nun sorteo dun lote de libros.

As poesías finalistas desta edición son as galegas: A inmersión de Safo (Alba Cid), Inscricións (Carlos Callón), Nas noites de luar (Carlos da Aira), Nós somos os países (Carlos Penela), Nosoutros (Chus Pato), Mendiga na porta (Emma Pedreira), Azar (Manuel Forcadela), Tremen os tellos da xiada (Mercedes Queixas /X.C. Domínguez Alberte) , Síndrome de Stendhal (Olga Novo) e No medio desta paisaxe (Tamara Andrés); e as portuguesas: Sim, eram castanheiros (A.M. Pires Cabral), Babel (Ana Luísa Amaral), Projecto político 3: El Corte Inglés (Filipa Leal), Risquinho observado à lupa (Gonçalo Fernandes), E se fosse proibido abraçar (José Manuel Neves), As grandes notícias (Lídia Jorge), Nesses poemas que ainda não escrevi (Lília Tavares), Estou em tantas esquinas do tempo (Manuel Afonso Costa), Esqueleto do manifesto a Mário Cesariny (Maria Quintans) e Liberdade mais cruel (Raquel Lima).  

O próximo día 24 de abril, véspera da celebración da Revolución dos Caraveis portuguesa, darase a coñecer o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona, creado para galardoar aquelas persoas, iniciativas ou institucións que se teñan destacado por tender pontes de amizade entre a Galiza e a Lusofonía

aRi[t]mar galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgarmos a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegarmos a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa Lusofonía.

Coa organización da Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2019. A finais de ano, os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.

Ademais das  comunidades educativas e sociais da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, participaron tamén as da Facultade de Filoloxía da USC, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões, os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior, ben como centros de ensino secundario de fóra de Galiza en que se imparte galego.

Esta iniciativa fai parte da Rede da GaliLusofonia, “com os objetivos de juntar esforços, coordenar-se e cooperar na difusão de iniciativas encaminhadas a fomentar a nossa língua e cultura comuns no seu espaço natural, a Lusofonia, com grande potencial noutros campos como o económico e o institucional”.

aRi[t]mar galiza e portugal conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña, das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, así como do  Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e do Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo.


Comentarios