Brión cede a carpa do posto de mando avanzado do GES para o estudo epidemiolóxico de seroprevalencia do COVID-19

Brión cede a carpa do posto de mando avanzado do GES para o estudo epidemiolóxico de seroprevalencia do COVID-19
Brión cede a carpa do posto de mando avanzado do GES para o estudo epidemiolóxico de seroprevalencia do COVID-19

A instalación será desinfectada a diario co canón de ozono e permitirá incluso realizar as probas sen ter que baixar do vehículo

.- O Concello de Brión colabora na realización do estudo epidemiolóxico de seroprevalencia do coronavirus COVID-19 coa cesión da carpa do posto de mando avanzado do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión. Unha carpa que este xoves foi instalada no aparcamento do centro de saúde brionés, que comezará a chamar de forma aleatoria a uns 160 veciños e veciñas para a realización da proba.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “dende o centro de saúde nos pediron a nosa colaboración para buscar unhas instalacións onde poder realizar estas probas dunha forma segura e cómoda, tanto para os facultativos como para a veciñanza, polo que optamos por cederlles o posto de mando avanzado que compramos no seu día para Protección Civil e que permitirá incluso que as probas poidan facerse sen que o veciño ou veciña teñan que baixar do coche”.

Así mesmo, o Concello de Brión utilizará o recentemente comprado canón de ozono portátil para garantir a limpeza e desinfección diaria destas instalacións. “A través do persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal estamos limpando e desinfectando todos os días a contorna do centro de saúde de Brión o que, unido á desinfección adicional que faremos co canón de ozono no posto de mando avanzado, permiten garantir a seguridade dos veciños e veciñas que sexan chamados a realizar estas probas”, apunta José Luís García.

Comentarios
Lo más