A Corporación respalda ampliar o plazo de pago de impostos e reducir os recibos de terrazas e basura a locais

A Corporación respalda ampliar o plazo de pago de impostos e reducir os recibos de terrazas e basura a locais
A Corporación respalda ampliar o plazo de pago de impostos e reducir os recibos de terrazas e basura a locais

O Concello de Santiago celebrou este venres un pleno extraordinario, no que se aprobou unha proposta de modificación das ordenanzas fiscais e outra de modificación das bases de execución do orzamento municipal do exercicio 2020. A primeira destas modificacións habilitará á Xunta de Goberno Local para modificar o calendario fiscal, e a segunda, de xestión dos anticipos de caixa fixa, permitirá pagar e xustificar ese pago "a posteriori".

A modificación da ordenanza 0.00 xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público" habilita á Xunta de Goberno Local a que poida adaptar o calendario fiscal dos tributos que se xestionan mediante recibo, a ampliar o prazo para acollerse ao sistema especial de pago e a modificar as datas previstas para o pago mediante o sistema especial de pago. Tamén poderá reducir o importe mínimo da débeda para conceder aprazamentos e fraccionamentos, pasando de 300 a 150 euros.

Ademais, modifícase a ordenanza 3.24, da taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público, co obxecto de incluír unha cláusula que nos supostos de estado de alarma, de excepción e de estado de sitio se poida reducir o importe do recibo en proporción aos días que dure a limitación da ocupación.

Grazas a estes cambios, a Concellaría de Economía e Facenda poderá adaptar o calendario fiscal dos seguintes tributos nos seguintes termos:

- Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica: dende o 5 de marzo ata o 5 de xullo, ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior).
- Imposto sobre Bens Inmobles (urbano, rústico e de características especiais): dende o 5 de xullo ata o 5 de outubro.
- Taxas por ocupación de vía pública (vados): dende o 5 de xuño ata o 5 de setembro, ambos incluídos (ou o día hábil inmediato posterior).
- Taxas por ocupación de vía pública por mesas e cadeiras: dende o 5 de setembro ata o 5 de novembro ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior).

Ademais, estableceríase como data límite para acollerse ao sistema especial de pago (SEP) regulado no artigo 26 da ordenanza municipal 0.00, o día 30 de maio.

En canto ao IBI, o Imposto de Bens Inmobles, mediante o sistema especial de pago, estableceríanse as seguintes datas de pago para o abono mediante domiciliación das cotas tributarias fraccionadas:

- Primeiro prazo: 5 de agosto.
- Segundo prazo: 5 de outubro.
- Terceiro prazo: 5 de novembro.

Este calendario é susceptible de irse modificando en función da evolución do estado de alarma e das circunstancias, xa que o que foi ao Pleno é a habilitación á Xunta de Goberno Local para, precisamente, adaptar ese calendario.

Este cambio foi aprobado cos votos favorables do PSdeG-PSOE e do PP, e coa abstención de CA e BNG.

Bases de execución do orzamento municipal 2020
A modificación aprobada pola Corporación en relación ás bases de execución do orzamento 2020 afecta ao artigo 34 das devanditas bases, no sentido de incluír unha nova base (a base 34.Bis), coas instrucións de establecemento e de xestión dos anticipos de caixa fixa, segundo resolución ditada pola concelleira delegada de Economía e Facenda con data do 6 de abril de 2020, seguindo as directrices fixadas na propia base 34.

Esta nova base que se inclúe permitirá ao Concello de Santiago pagar e xustificar ese pago "a posteriori".

Na tramitación do expediente seguiranse as mesmas normas sobre información, reclamacións, publicidade e recursos aplicables á aprobación do orzamento da entidade a que se refiren os artigos 169 e seguintes do TRLRFL, e artigos 18 e seguintes do RD 500/1990, de 20 de abril. Esta modificación das bases de execución entenderase definitivamente aprobada se no prazo sinalado ao efecto non se presentaran reclamacións.

A modificación foi aprobada cos votos favorables do grupo de Goberno, do Partido Popular e de Compostela Aberta, e coa abstención do grupo nacionalista.

Sesión telemática
A sesión extraordinaria deste venres celebrouse telematicamente. Só estiveron presencialmente o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Facenda, Marta Abal; e os voceiros de PSdeG, Sindo Guinarte; PP, Alejandro Sánchez-Brunete; e BNG, Goretti Sanmartín, ademais do secretario municipal, José Ramón Alonso. O resto de concelleiros e concelleiras asistiron por vía telemática.

O Pleno comezou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas do COVID-19, cun especial recordo ao ex concelleiro Dositeo Rodríguez. 
Comentarios