Noia renova un tramo de 140 metros da rede municipal de abastecemento de auga na contorna do casco histórico

Noia renova un tramo de 140 metros da rede municipal de abastecemento de auga na contorna do casco histórico
Noia renova un tramo de 140 metros da rede municipal de abastecemento de auga na contorna do casco histórico

As obras dan continuidade ás realizadas no Malecón de Gasset e permitirán mellorar o servizo á veciñanza 

O Concello de Noia, a través da Brigada do Servizo Municipal de Augas, vén de acometer durante esta semana as obras de renovación dun tramo de 140 metros na contorna do casco histórico da vila, dando así continuidade aos traballos realizados anteriormente no Malecón de Gasset. “Para evitarlle molestias á veciñanza, aproveitamos o corte de tráfico polas obras de adecuación da fachada marítima para facer estas obras que nos permitirán ofrecerlles un mellor servizo aos veciños e veciñas de Noia”, explica o concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón.

As obras consistiron na instalación dun primeiro tramo de tubería de PVC de 160 milímetros de diámetro, que conecta coa zona xa renovada procedente do Malecón de Gasset. A continuación instalouse unha válvula redutora de fundición, pasando a unha tubaxe dun diámetro de 125 milímetros que se mantén en dirección ao Malecón de Cadarso ata chegar ata o cruce coa rúa Porta do Poxilgo. Tamén se melloraron as conexións coas rúas do Forno e Peregrina e se renovaron parte das instalacións eléctricas na zona.

“Estas obras permitirán ofrecer un mellor servizo aos veciños de Noia, xa que este era un tramo moi antigo en fibrocemento e de difícil solución ante posibles avarías, as cales ocasionaría cortes no subministro que afectarían a un sector amplo das rúas do casco histórico”, indica Fernández Godón, que engade que “desta maneira, minimizamos esas molestias en futuros cortes de auga, reducimos considerablemente os sectores que poderían resultar afectados e posibilitamos que o Concello poida abastecer á veciñanza con maior rapidez”.

Comentarios
Lo más