A Xunta de Goberno aproba o novo calendario fiscal

A Xunta de Goberno aproba o novo calendario fiscal
A Xunta de Goberno aproba o novo calendario fiscal

A Xunta de Goberno, na sesión ordinaria celebrada este luns, aprobou o novo calendario fiscal, adoptado a raíz da crise do COVID-19. Na xuntanza, tamén se ratificou a ampliación dos contratos con varias cadeas de supermercados que participan no tícket especial de compra e deuse o visto bo á adquisición de 25 máscaras cirúrxicas.

Unha vez que o pasado venres o Pleno habilitou ao Goberno municipal para a modificación das ordenanzas fiscais, faise efectiva esta ampliación de prazos en varios impostos e taxas municipais, que quedan do seguinte xeito:

- Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM): dende o 5 de maio ata o 5 de xullo, ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior).

- Imposto sobre Bens Inmobles (IBI urbano, rústico e de características especiais): dende o 5 de xullo ata o 5 de outubro. Tendo en conta que o último día para acollerse ao sistema especial de pago se fixa o 30 de maio, de facer uso desta posibilidade, o primeiro prazo e pago remataría o 5 de agosto, o segundo o 5 de outubro e o terceiro o 5 de novembro.

- Taxas por ocupación de vía pública (vados): dende o 5 de xuño ata o 5 de setembro, ambos incluídos (ou o día hábil inmediato posterior).

- Taxas por ocupación de vía pública por mesas e cadeiras: dende o 5 de setembro ata o 5 de novembro ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior). Farase constar a dedución da parte correspondente polo tempo que non se puideron utilizar estas mesas e cadeiras.

Tícket especial de compra e compra de máscaras
A Xunta de Goberno tamén acordou a ampliación de contratos con cinco cadeas de supermercados que participan no tícket especial de compra, por importe de 90.000 euros. Ademais, aprobouse a adquisición de 25.000 máscaras cirúrxicas por 24.000 euros máis IVE (ao prezo de 0,96 euros).

Outra adquisición á que se lle deu o visto bo foi a de 35 equipos informáticos de lectura de tarxeta para facilitar a sinatura electrónica e de 10 puntos de acceso sen fíos Wifi. A propósito desta compra, o alcalde lembrou que son 212 os/as funcionarios/as acollidos ao sistema de teletraballo, dos que 182 xa o realizan de xeito efectivo, restando outros 30 por incorporarse ao sistema. 

Comentarios
Lo más