O programa integrado de emprego dos Concello de Ames e Brión ofrece recursos de formación online

O programa integrado de emprego dos Concello de Ames e Brión ofrece recursos de formación online
O programa integrado de emprego dos Concello de Ames e Brión ofrece recursos de formación online

O programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión continúa a súa actividade durante o período de estado de alarma, trasladando á modalidade online todas as accións que é factible desenvolver dese xeito e autorizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Deste xeito, dende os servizos de emprego elaborouse un listado que inclúe unha serie de páxinas web que ofrecen cursos de acceso libre e gratuítos. Hai cursos de carácter xeral, de perfil universitario, de competencias dixitais, para emprendedores, videotutoriais, etc. Tamén se inclúe un apartado con webs con cursos para a procura activa de emprego.

O Concello de Ames, conxuntamente co Concello de Brión, ven desenvolvendo a edición 2019-2020 do programa integrado de emprego, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao abeiro da Orde do 7 de xuño de 2019. Nesta edición, os participantes son persoas desempregadas menores de 30 anos (85 participantes) e persoas desempregadas maiores de 45 anos (15 participantes).




O programa deu comezo o pasado 21 de outubro de 2019 e a súa data de finalización está prevista para o 20 de outubro de 2020. Ao longo dos 12 meses de duración do mesmo os/as participantes levan a cabo diferentes tipos de actividades co obxectivo prioritario da súa inserción laboral.

Deste xeito, realízanse accións de información, orientación e asesoramento; formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas; técnicas de coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea; habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista; fomento da capacidade emprendedora; prospección empresarial; emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes; formación para o emprego; prácticas profesionais non laborais en empresas; e obradoiros sobre mobilidade laboral.

Dende a declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria provocada polo COVID-19 (Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo), as actividades presenciais quedaron suspendidas.

A pesar das dificultades desta situación, o programa continúa a súa actividade de forma non presencial, co seu persoal realizando teletraballo e levando a cabo as accións que é factible levar a cabo deste xeito. Os participantes seguen sendo atendidos por diversas vías (teléfono, redes sociais do programa, correo electrónico, mesmo coa dispoñibilidade para realizar vídeo chamadas, videoconferencias, etc.), realízase actividade de prospección, intermediación laboral coas empresas, etc.

Formación online
A formación, tanto de carácter transversal como sectorial (formación para o emprego), trátase dunha das prioridades do programa.

O Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, permite a realización de actividades de formación on line. Do mesmo xeito, a Instrución da Consellería de Economía, Emprego e Industria sobre as medidas a adoptar no campo da formación profesional para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia indica que as actividades formativas na modalidade de teleformación poderán realizarse, agás na súa parte presencial, sempre que se cumpran as medidas especiais de carácter xeral e as específicas que sexan aplicables.

Tendo en conta o anterior, estase traballando para facilitar a realización de cursos na modalidade de teleformación para os 100 participantes do programa integrado.

Nos próximos días, porase en marcha a plataforma de formación on line, cun catálogo de máis de 200 cursos clasificados por familias profesionais (Administración e xestión, Agraria, Comercio e Marketing, Edificación e Obra Civil, Electricidade e Electrónica, Enerxía e Auga Hostalería e Turismo, Idiomas, Imaxe Persoal, Informática e Comunicacións, Instalación e Mantemento Prevención de Riscos, Sanidade, Seguridade e Medio Ambiente e Servizos Socioculturais e á Comunidade e Transporte e Mantemento de Vehículos).

Os participantes no programa poderán facer os cursos da súa elección en función do seu perfil formativo e profesional co asesoramento do persoal técnico, para completar o seu currículo e mellorar a súa empregabilidade. Terán a plataforma á súa disposición desde a súa posta en marcha ata a finalización do Programa, o 20 de outubro de 2020. Os cursos serán accesibles para a súa realización dende PC, tablets e smartphones. Incluirán recursos en diferentes formatos: contido interactivo multimedia, vídeos, actividade de aprendizaxe, exercicios, avaliacións, cuestionarios, foros, guía didáctica, axenda, etc.

Outros recursos de formación online gratuítos para todos/as
Co obxectivo de aproveitar este tempo de quedar na casa, pode ser un bo momento para realizar algunha formación que nos poda interesar, ben para complementar o perfil profesional, ben por intereses persoais.

Dende o servizo de emprego do Concello elaborouse un listado que inclúe unha serie de páxinas web que ofrecen cursos de acceso libre e gratuítos. Hai cursos de carácter xeral, de perfil universitario, de competencias dixitais, para emprendedores, videotutoriais, etc. Tamén se inclúe un apartado con webs con cursos para a procura activa de emprego.


Comentarios
Lo más