O Consorcio promoveu máis de 40 exposicións nos últimos oito anos

O Consorcio promoveu máis de 40 exposicións nos últimos oito anos
O Consorcio promoveu máis de 40 exposicións nos últimos oito anos

A área de publicacións e exposicións do Consorcio de Santiago, baixo a responsabilidade de Juan Conde, é un dos ámbitos recoñecidos polos cidadáns a tenor das estatísticas. Ao redor de 20.000 visitas anuais rexistra a Casa do Cabido, mentres que ás presentacións periódicas dos seus libros asisten unhas duascentas persoas. "É moito máis estresante o traballo das exposicións que as publicacións. Pouca xente sabe o que hai por detrás, non se reduce a colgar fotografías ou cadros no mellor dos casos; hai un traballo de planificación moi exhaustivo, meticuloso, de moitos meses, que non se ve, pero se falla, nótase", segundo sinala Conde.

Fotografía, pintura, debuxo, escultura, bibliografía, postais, xoias, moda, ourivaría, arquitectura efémera, instrumentos musicais, figuras e obxectos de todo tipo constitúen a multiplicidade de soportes, formatos e técnicas artísticas que se puideron contemplar nos últimos oito anos na Casa do Cabido e o Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Cara ao ano 2012 empezou a entidade a organizar e promover exposicións, primeiro no Museo e logo no Cabido. "Aquela época foi de tolos pero moi gratificante; practicamente vivía entre o Museo e a Casa do Cabido. Tiñamos unha exposición permanente no antigo Banco de España que ocupaba tres plantas e, a maiores, tres salas para exposicións temporais e a Casa do Cabido. Unha tolemia", advirte o seu responsable.

A día de hoxe, o Consorcio organizou ou promoveu máis de 40 mostras, case todas relacionadas coa cidade e a súa historia. Dende aquela sobre Santiago e a Catedral no século XIII titulada Compostela dicitur

 ata a colectiva que hoxe permanece temporalmente pechada sobre a idea das identidades de xénero. Nestes últimos anos tamén se celebraron exposicións alusivas a diversos aniversarios convertidos en efemérides: os 170 anos da Banda Municipal, os 125 da Escola Mestre Mateo ou os 25 e 20 da Real Filharmonía de Galicia e os 25 do propio Consorcio. Todas as mostras teñen a súa recensión correspondente na web. 

Comentarios