Noia entregará un “kit de arranque” a todos os comercios do municipio

Noia entregará un “kit de arranque” a todos os comercios do municipio
Noia entregará un “kit de arranque” a todos os comercios do municipio

Unha achega gratuíta composta, como mínimo, por dúas pantallas protectoras, dúas máscaras FPP2 e unha garrafa de xel hidroalcóholico 

O Concello de Noia, en colaboración coa asociación de comerciantes Noia Histórica e co consenso de todos os grupos políticos municipais, vai subministrar a todos os establecementos comerciais do municipio un “kit de arranque” para colaborar cos nosos comercios no proceso de reapertura nas Fases 0 e 1 da desescalada aprobada polo Consello de Ministros de data 28 de abril de 2020.

Con esta medida, o Concello de Noia achegará de forma gratuíta a cada establecemento do municipio, estea ou non asociado a Noia Histórica, un kit composto, como mínimo, por dúas pantallas protectoras, dúas mascaras FPP2 e unha garrafa de xel hidroalcohólico. A concelleira de Comercio, Mariola López Cierto, explica que se trata “dunha medida que o Concello de Noia toma para apoiar ao comercio local e axudarlle a paliar as consecuencias da crise sanitaria e económica provocada pola pandemia do COVID-19, unha vez visto o Plan para a transición cara unha nova normalidade aprobado polo Consello de Ministros hai un par de días”.

Os establecementos interesados en participar na campaña deberán cubrir un modelo de solicitude, que o Concello aprobará en breve xunto coas bases, e da que se fará difusión a través da sede electrónica municipal e da páxina web. Esta solicitude deberá ser presentada no Rexistro Municipal do Concello de Noia, presencial ou telematicamente, incluíndo os seguintes datos:

- Denominación do establecemento comercial

- CIF ou NIF do titular

- Actividade comercial que se desenvolve en dito establecemento

- Número de empregados do establecemento

- Número de metros cadrados do local comercial

- Identificación (nome completo e DNI) da persoa encargada da recollida do material.

Debido ás fases previstas polo Goberno de España no Plan para a transición cara a unha nova normalidade, o subministro deste material farase tamén en dúas fases:

- Nos vindeiros días, para os establecementos que abrirán a partires do 4 de maio. FASE 0: locais e establecementos con cita previa para a atención individual de clientes.

- Antes do 11 de maio, para os establecementos de pequeno comercio cunha apertura prevista na FASE 1.

Comentarios
Lo más