Brión terá que facer un Plan Económico Financeiro ao incumprir a Regra de Gasto por executar o 96% do orzamento de 2019

Brión terá que facer un Plan Económico Financeiro ao incumprir a Regra de Gasto por executar o 96% do orzamento de 2019
Brión terá que facer un Plan Económico Financeiro ao incumprir a Regra de Gasto por executar o 96% do orzamento de 2019

O alcalde aproveitou a primeira sesión plenaria telemática para dar conta de todas as actuacións levadas a cabo no municipio con motivo da crise sanitaria do COVID-19

O Concello de Brión vén de celebrar a súa primeira sesión plenaria telemática na súa historia, na que se deu conta da liquidación do orzamento de 2019 e o alcalde aproveitou tamén para facer un resumo das actuacións levadas a cabo polos distintos departamentos municipal para facer fronte á crise sanitaria do COVID-19. Unha sesión na que só o alcalde e o secretario municipal estiveron presentes fisicamente no salón de plenos, xa que o resto da corporación se sumou por vía telemática dende os seus fogares.

O secretario municipal informou de que a liquidación do orzamento de 2019 deixa un remanente de Tesourería para Gastos Xerais de 4.615.746,01 euros e un resultado presupostario axustado de 918.572,2 euros. Pola súa banda, o informe de Intervención indica que se cumpren as regras de estabilidade orzamentaria e límite de endebedamento, pero que se incumpre a regra de gasto, polo que será preciso aprobar un Plan Económico Financeiro. Un informe que explica que o límite de gasto estaba no 2,7% pero que o Concello de Brión o superou ao executar practicamente o 100% do seu orzamento.

Neste sentido, o alcalde de Brión, José Luís García, explicou a paradoxa: “executamos o 96% do orzamento de 21019 e iso fai que incumpramos a regra de gasto, polo que xa temos preparado o correspondente Plan Económico Financeiro”. O alcalde explicou tamén que o devandito plan non puido ser presentado nesta sesión plenaria debido a que o posto de Intervención en Brión está vacante, logo da marcha da anterior titular que actuará como acumulada ata a chegada dunha persoa que a substitúa.

No resto da parte dispositiva, o pleno aprobou por unanimidade a acta da sesión anterior e unha corrección realizada para incluír máis planos no proxecto de mantemento e mellora das redes de saneamento e abastecemento de Chave da Ponte, rúa Gondar, Cabanas, Saíme, Bastavaliños, Soutullos e Bemil, orzamentado en 146.774,9 euros e incluído no Plan Complementario 2020 da Deputación Provincial da Coruña.

Informe COVID-19

Na quenda de mocións, os grupos municipais de PP e BNG acordaron retirar as súas mocións sobre o Día da Muller, polo que se pasou a rolda de rogos e preguntas. Como todas elas eran relacionadas coa mesma temática, o alcalde deu lectura durante algo máis de media hora a todas as actividades levadas a cabo polos distintos departamentos municipais dende o pasado 13 de marzo.

Así, García destacou que os servizos de emerxencia levan realizadas máis de 550 actuacións de desinfección de rúas, aldeas, contedores e establecementos abertos ao público “os sete días da semana”. Neste sentido, destacou que “Brión fixo traballos de desinfección nas súas 106 aldeas, chegando a todos os lugares coa única limitación das dimensións do tractor”. Así mesmo, anunciou o próximo reparto a domicilio de 200 máscaras para persoas do sector primario que traballan nas parroquias da parte alta do municipio (Cornanda, Luaña, Ons e Viceso). A Policía Local de Brión realizou 19 denuncias por saltarse o confinamento e coordinouse coa Garda Civil de forma que sempre houbo unha patrulla activa no municipio.

Outra área especialmente activa é a de Servizos Sociais, onde se optimizou a rede familiar e informal de apoio en todo o municipio e se monitorizou a todas as persoas do Servizo de Axuda a Domicilio, Teleasistencia e Xantar a Domicilio. Servizos Sociais tamén creou un protocolo de acción para informar á veciñanza de todas as axudas dispoñibles por mor do coronavirus e puxo en marcha unha tarxeta moedeiro para compra de alimentos por parte das familias máis necesitadas.

Así mesmo, facilitáronse novas altas no servizo de axuda no fogar e se reforzou o proxecto Brión Solidario, de recollida e reparto de alimentos entre as familias máis vulnerables. Un servizo que se reforzou no caso dos nenos e nenas que eran usuarios do comedor escolar e coa recollida a domicilio de produtos básicos doados por veciños e veciñas do municipio. “Non hai ningunha persoa, que nós saibamos, que non estea sendo atendida”, resumiu García García.

O departamento de Deportes, en colaboración con BeOne Sports, está a desenvolver un programa de adestramento na casa con máis de 300 clases virtuais. Dende Novas Tecnoloxías, estase a actualizar a web municipal e as Redes Sociais con información de utilidade sobre o COVID-19, á vez que se fan traballos de asesoramento aos veciños e de información directa a través de Brión Informa.

Dende o Departamento de Cultura, “están traballando nunha alternativa para que as actividades e actos previstos se apracen pero non se cancelen”, explicou o alcalde. Así mesmo, destacou iniciativas como a das escolas municipais de música e baile tradicional, que comparten a súa arte na redes; ou a posta en marcha dun concurso fotográfico. Pola súa banda, a Biblioteca Municipal vén de crear unha fan page en Facebook.

Debate

“Teño que agradecer ao persoal municipal o seu esforzo, pois está traballando e axudando no que poden: levando produtos, atendendo xente, indo facer a compra, recollendo doazóns…”, indicou o alcalde, incluso en moitos casos superando os horarios marcados. Así mesmo, García agradeceu “tanto ao BNG como ao PP que nos ofreceran a súa axuda dende o primeiro momento” e escusouse por non poder achegar algunhas cifras concretas pedidas polos voceiros da oposición “pero as preguntas chegaron no día de onte e non tivemos tempo de poñernos a contar. Farémolo cando isto pase e terán esa información”.

Os dous grupos da oposición coincidiron en aceptar as explicacións e amosaron o seu agradecemento ao persoal municipal polo traballo que están a realizar. A voceira do Partido Popular, María Fariña Bellón, interesouse por se o Concello tiña previsto realizar un aprazamento de taxas e establecer axudas para autónomos e pequenas empresas. José Luís García indicou que o aprazamento xa se está a facer e mesmo indicou que sería posible aprobar reducións ou bonificacións nas cotas da gardería ou das actividades municipais. Porén, indicou que polo momento non se están estudando axudas directas porque “para autónomos e pemes está a Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias e quen terá que actuar”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Frutuoso Souto Castiñeira, preguntou sobre a situación dos traballadores das empresas que traballan para o concello e propuxo empezar a pensar na futura recuperación da normalidade, propoñendo a creación dunha mesa de debate na que tamén estea presente o tecido social do Concello. Sobre a primeira cuestión, García explicou que “intentaremos colaborar no que poidamos”, pero indicou a lei indica que se un traballador non fai o seu traballo, a Administración non pode pagar por algo que non se fai, “pero si ten dereito a un ERTE por parte da súa empresa”. Así mesmo, sinalou que “a empresa concesionaria da piscina xa nos indicou que está interesada en recuperar estes meses de non actividade e parécenos lóxico que se prorrogue a concesión”.

Plan de futuro

García adiantou tamén que “os Concellos de Brión e Ames temos unha empresa traballando para buscar solucións para a saída da crise do COVID-19. Cando teñamos as propostas, traeranse a este Pleno”. Finalmente, o alcalde de Brión comprometeuse a seguir informando aos voceiros municipais de calquera causa relevante. “Non temos moitos casos positivos en Brión, con respecto a outros municipios. Non imos dar ningún dato sobre eles, só que case o 90% é persoa sanitario”, apuntou García. 

Comentarios